Can de presa

Gonzalo andaba a rir, saudou a Lorena e desfíxose da copa para pedir outra e unha tamén para ela. Faloulle ó oído e díxolle algo así como que si ela quería... Non llo contou a ninguén, pero non quixo.

O luns seguinte, Gonzalo fachendeou cos compañeiros. As fotos do móbil tiñan anacos do tempo dunha muller de cabelos escuros, de ollos negros. Algún que outro chuspía cara afora, mentres o Gonzalo falaba do que non fixo, sorría para non negar, calaba para non remata-lo conto.

No día terceiro do mes de xuño do pasado ano, a Lorena ría no Pexego e de súpeto escoitou un aquela. Pareceulle que era por ela, pero non coñecía a ninguén, así que seguiu co café e volveu ó periódico. Despois dun trisco, sentiu como alguén se revolvía e pensou que andaba a sinala-lo seu lombo. Seguía sen saber quen eran, así que remexeu no azucre do zume de laranxa e buscou a páxina do zodíaco.

Lorena camiñou até o comercio, mentres polo teléfono lle repetía: -Creo que non. Logo daquilo volvéronse ver un par de veces até que, nunha delas escoitou que estaba cun compañeiro, rematando un encargo. -Creo que non, volveu repetir a Lorena, e non volveron coincidir en meses.

María, coñeceu a Gonzalo na festa de aniversario de Lorena. Sempre creu que ámbolos dous estaban xuntos, incluso escoitou algo. Sabía del o suficiente como para non ser apetecíbel, pero o home parecía ter un gusto noxento por meterse no seu espazo.

O luns seguinte, Gonzalo faloulles da muller nova do móbil. E repetiu o mesmo conto. María como aquela mañá, saía de vez en cando a andar polo Paseo que hai entre Rabo de Galo e Cabeza de Vaca  e como Lorena escoitou un aquela. Non entendeu e apurou o paso.

Cando o volveu ver pensou que estaría ben e, aceptou un café con dobre de azucre, no bar do Santiago. Nun momento o Gonzalo saíu a fumar un pito, mentres María quedou sorbendo e vendo o telexornal. Entón fixouse no que estaba a acontecer fóra, os dous homes falaban entre eles, e o descoñecido miraba para ela a coiteladas. Cando regresou, a María musitou: -Creo que non, e marchou.

Ó chegar a casa, a muller póusalle a cea como se lle debesen unha explicación, manda ós nenos a cama e vírase cara el.
E el pide perdón, polo que non fixo, polo que non negou,
por unha presa que nunca acadou.