Até o sobrado

Respondeu á mirada cunha coitelada na gorxa. Mostrouse sorprendido cando me viu entrar no cuarto e retirou as luvas da cadeira. Víase que tiña unha morte arrodeándolle, pero aínda así despistoume o seu sorriso. Tan aberto, tan coma sempre.

Sentar xunto del foi como apegarse á ribeira dun cantil. As cousas saen como saen e as veces non responden ás simpatías de cada un, senón ás convencións. Unha delas era a de quedar a pesar de todo. Quedar no aqueloutro, para escoitar como te maldín os ionkis e as súas pantasmas... A nena que esgotou a paciencia do amante de ollos azuis, lembrándote a carón da servidume. O rapaz que xa non xoga ó baloncesto.

Collín algo de frío e, espertei nun golpe de voz para poder dicirlle que noutrora quizais pero que agora tiña présa. Berroume que para que viñera e tentei explicarlle que o problema non era vir, senón quedarse. Na estrada das ecolalias dos outros, nos valados das súas testemuñas, espero non tropezar máis de dúas veces. A segunda para saber que as letras dos meus pasos non se escriben coa súa codeína.

Enchidas están as pozas de crías de ra, pero non as vexo dende que era unha adolescente. Baldos e baldos de auga fría baten contra as paredes da miña pel, mancada polo sol. Da última vez trouxen un par de tatuaxes. Un no nariz, outro por riba do esterno, ensínochos?

E para cando? Supoño que nun mes... E despois? Volver para casa. E nós? O carallo! Teño unha culler que non pincha, fai buracos cadrados e desteta nenos anoxados. Onde vas? Ó faiado a matar ratos cos dentes! Vou contigo...

E dende alí... saltou ó camposanto, bendicido polo acougo de todos nós e eu, eu seguín coa miña vida, que ó fin non era del.