Ardentía

Esperto, xogo co meu redor e tomo un café. É pola mañá. O sol revolve os meus mellores instintos, teño ganas de voar. Tin, tin, tintinea no meu ouvido a respiración do meu ser e a da gata que xa almorzou. Disparo pasos cara a capela de Rabo de Galo e a carón do río sinto a súa frescura. Meto os pes, tiro uns croios e volvo a mirar ó ceo, aínda cheo de lúa.  Entrementres consigo escoitar como un coello rilla na herba e unha xabaril foza na terra. Sinto ó lobo espreitando ás ovellas e á raposa agardando tra-lo valado. Vexo como os amorodos sangran entre os meus dedos e como as mazás de santiago e os tomates negros salivan entre os meus dentes. Teño un tempo e, hai que aproveitalo.