Conxelada

Fabrico momentos fantasía, alteridades metade rato, metade crocodila. Todo por ter algunha oportunidade, antes de que pasen as dúas horas que me durará esta sensación de dozura que me trouxo a última copa. Pensei en aproveitar e deixarme caer polo Tarántula para botarlle un ollo ó que por alí ande. Se non sempre estará o Xacobe, que non lle ha faltar disposición.

Cada vez que me sinto así, éntrame o apuro e non filtro. Esperto do cotiá buscando un novo calendario que me dispare a algún outro sitio, pero sei que non vai ser. Podería ser se non fose porque cada tres de maio é o meu aniversario e xa van contados máis de corenta.

No local, detrás dun vén outro. Este leva algún tempo fóra e cóntame que lle alegra verme despois de tanto tempo. Pola linguaxe do seu corpo parece interesado nas miñas necesidades, pero non fai boa figuración. Para aquel momento quería un amante espelido, que non me rompese a cabeza e que ó rematar saíse escopeteado cara a súa vida. E así foi, non tardou en fuxir, supoño que polo medo a posibles cobros emocionais.

A noite seguinte volveu. As cadelas prefiren non mirar, e a metade rato deixouse desfacer en agarimos alleos. Tentouno por terceira vez, pero á muller non lle soubo o de repetir de novo, así que home aceptou e marchou.

Logo, non saín do meu refuxio sen antes asegurarme de que perdera o meloso. E perdino durante cento oitenta noites máis, o que tardou en morrer, de novo, a crocodila.