Un/ Unha

Sigo a dicir o mesmo que dixen onte. As portas abríronse no medio do ballón, despois de limpar a impaciencia diante da parada do autobús. Entrei empapado cos apuntes a medio derreter e sacudinme antes de sentar. Ó meu carón, unha muller duns sesenta anos, fermosa. Podería dicirse que máis que eu. Mireina e penso que se estrañou. Sorrinlle e incomodouse. Podería ser incluso que se baixase antes, machucada pola miña actitude.

Dinlle o botón na praza de Xoan XXIII e camiñei uns metros, até que a vin de novo. Sentín o seu medo ó recoñecerme, quíxenme explicar sen falar e creo que non foi moi ben, así que decidín fuxir o máis lonxe que puiden. Sen sorte, porque tres rúas máis arriba, volvín atopala. Repito o que che contei, estiven por pedirlle desculpas polas coincidencias, pero achegarme a ela, ademais de inútil, tornábase perigoso. Pareceume vela axexar a un municipal e iso de imaxinarme na comisaría explicando que parecía existir unha maldita atracción entre os camiños vitais de ámbolos dous, sen causalidade aparente, non me tiña moito senso.

Botei a correr, o que me fixo máis culpable, pero non desesperei e entrei nunha cafetería. Cando levaba bebido un café so e mordido tres cuartos de madalena, vina na porta. Erguinme de seguido, paguei e saín escopeteado. Ela cruzouse comigo entre as mesas, parecía non dar creto, pero desta vez non me censurou co seu xesto.

Marchei coa intención de volver a casa e non saír no que restaba do día, e diante de min, de novo o seu corpo e debaixo, a súa sombra. Tentei non achegarme a ela, evitar pisala, incluso crucei a estrada sen vixiar o meu paso. Un dos coches foime dar na cadeira. Antes de chegar ó hospital, escoitei alguén dicir se tería algún inconveniente en cambiar a quenda daquela noite e logo un hostia. Logo deixeime morrer. 

Espertei nun deses dormitorios de sabas imposibelmente brancas, co goteiro a medio gas e ó carón da muller. Ola. Sen forzas para responder mireina doente e confundido. Sinto. Entón acercouse a min e  cravoume un coitelo. Por que? Porque entre os/as dous/dúas, eu.