Spiritbeat

E aínda así desespero na fortuna que me regala esta soidade miña. A que me aluga a vida nos tempos de hoxe e nos de onte. Remake dun ton introducido na adolescencia. No meu sorriso hai unha desintencionalidade, a de non esperar por ninguén na esperanza de facelo. A púber de finais de século, muller de principios, mostra o infinito das súas identidades envolvidas nunha vida que avanza detrás de si mesma. O que algúns, coma min, aínda non recoñecen na súa propia finitude é a falta de vidas paralelas.  E hainos que corren, e hai quen chega. Non sendo o caso deste meu camiñar cangrexo que perdeu as gañas de amar nos soliloquios do seu sofá, diante da tele.

Unha canción non cambia as metas non alcanzadas, non responde as angueiras que alternan o tecido do meu músculo, pero inspira o que eu escribo. Igual que o fai o sufrimento pola proximidade da morte. 

O sexo para unha muller coma ti é unha morte a cachiños. Na perda do íntimo, implicitamente acompañada, vai a do ego. Sen medias amarelas na cámara, o emprestarse a si mesma, coma nun exercicio de aerobic para suar no incesto de quen non pretende darse de todo. Imposible facelo nos tempos que corren. Ir de presa, comerciar cos centímetros da saia ou dos tacóns. Evitar ser vista por terceiros ou provocalo. Coroarse na multiplicidade de suspiros e limitar os ronquidos dos soños.

Teño unha mala-intención, a de afogarte mentres mastigas a foundie de queixo azul. E mentres preparo a trampa, espida nas braguiñas que me regalaches por sanvalentín, debuxo a causalidade do lugar no que nos atopamos. Ti por baixo, eu nas alturas dun precipio que se invoca a si mesma e que se avergoña de non ter fuxido. Cadanseu na súa senectude. Eu fago de nena lambida polo seu pai, primeiro, por ti, despois. Recollo o esperma e deixo que seque ó sol, entre as sabas. Besta coma min non chora, oulea. 

Ti, derrubas os meus valados e escoras as miñas condenas para logo continuar na liña que trazou o perfume do esterco antes de comezar a sementar. Se segues a bicarme así, sóltote. Desato as broullas e devólvote a elas. No teu abrazo hai espiños, engurras que mancan a miña paisaxe. Nas túas quenturas hai velenos, hai auxilios que se aforcan nos meus nocellos.  Se mentres me asexas, pecho os ollos, se desarrimo os meus peitos e aperto o meu clítoris é para non estorbarte. 

Que teño que criar dous fillos invisíbeis, un do meu pai, outro teu.