Xemidos

Reducidas as conclusións, non esperei máis, mandeino ó carallo. Que importaba, xa o que dixeran, non tiña dereito a nada. A lexítima volatilizárase nas últimas inversións do meu pai así, que nada, a foderse. Por suposto que non podía asumir a débeda para salvar a casa e tampouco podía fuxir de alí, non coñecía outro lugar que aquel.  O sagrado e un espazo pequeno. Se mo preguntas a min, o que queda do cuarto de Adela. A miña historia ocorreu moito despois da noite en que o Xoán se despedise da Carme no porto de Cádiz e algo antes de que morrera o Roberto. Ninguén se explica que o levou a saltar dende o penedo, tampouco por que a Rosa lle deu por lavarlle o pescozo, estando el xacente, antes de sepultalo no nicho do seu sogro.

Na lúa seguinte achegueime a casa da Otilia e lle preguntei polos novos donos, dixo que chegarían a media mañá.  E alí estaba suplicando un lugar entre eles, daba igual cal. O do can ou o da puta, a mandar. Don Lois decidíu que fose animal e me deixou durmir no cuarto da Adela, daquela algo máis acedo. Isto polo tempo en que o Ignacio se despachou de mariño e a Laura empreñou do sobriño do cura.  E para ser o criado había que ter lombo, pero no meu caso, ademais cu.

O señor Lois non gustaba da muller, aínda que a que tiña lle dera sete fillos, un despois doutro. Salvo dous, que chegaron na mesma bolsa. E sen contar a metade que chegou morta, polo sexto ano. Isto foi cando o Camilo mercou as terras dos Sotos e a Edelmira casou co Amancio, a pesar da Rosana.

O meu cuarto suaba a home dobre, un enrabiado, outro vexado.  O primeiro aprendeu a cargar os sacos, a picar a leña, a darlle de comer os porcos, o segundo a mandar nel. Foi no tempo en que a Sara recibiu a malleira do pai por deixar morrer o xato ou a Manola cambiou o vestido de voda polos libros dos nenos.

Os meses pasaron e mais tempo... Os fillos deixaron de selo e marcharon, e elas floreceron inevitábelmente en nais. A dona podreceu no nicho dos esposos e aqueles dous homes, no meu cuarto.

TERRA DA FRATERNIDADE: Homenaxe a Zeca Afonso (nota: comeza no minuto 28)

Loading...
E dixo:

-A unidade emotiva consíguese no conto pola ousesión do que ten de sobrevivir
-O remate ha de te-la virtú de faguer simultáneas no esprito as imaxes que foron sucesivas
-A presenza do remate debe estar atafegada, pero latexando con forte resonancia en tódolos currunchos do relato
-O remate é unha imaxe que fai estoupalo conto nas verbas derradeiras, despois de inzalo poderosamente
-O conto é unha pelica na que se sinte o pulso dunha imaxe contida
-O conto é o remuiño que fan arredor dunha lámpada moitas bolboretas, todas mergulladas na mesma luz

O Dieste

-Vai indo, non si?

A Nena