O home que cea so

Imos pechar! Escoitou atrás, mentres camiñaba cara o cuarto da pensión París. Tamén ouviu como os homes andaban a raspar o xeo das caixas de peixe.  Tes lume?, pareceulle entender ó mozo que se lle cruzou nas escaleiras. Será capullo!, volveu sentir pouco despois. Subindo Enterrúas, esperou a que as mulleres o alcanzasen e limitouse a botarlles un ollo. Un, para cada unha. Elas, non o viron cómplices da súa propia conversa e envolvidas nas súas bufandas de camomila.  Deixou o calexón da igrexa para virar cara o río, pero antes de chegar a el, caeu na conta de que esquecera a bolsa. Fodido, deu a volta pola costa do Porto. Ó tempo remexeu no peto na busca do tabaco, colleu o chisqueiro e prendeu un pito. As luvas dun dos mozos, quedaran no posto da peixeira de Carpazás, parecían novas. Decidiuse a collelas, aínda que estaban molladas e, seguiu. Diante dos cristais, a reixa a medio baixar non impediu que petase neles. A muller que estaba a levantar as cadeiras sobre as mesas asustouse e un home saíu da cociña co seu berro. A bolsa, non? Espetoulle anoxado. Que pouca merda! Volveu a chuspir, namentres subía os ferros para non dar coa cabeza. Deulla. Recolleuse na súa sombra e apurouse. Parou para prender outro cigarro e non fixo caso do gato que andaba a mendigarse.  No portal dous rapaces, que se estaban a lear entre herbas, botaron a correr ó sentilo empurrar a fechadura. Subiu os trinta e sete chanzos e arrastrou a porta. Empuxouse ó interior, tirou o abrigo  e deixouse caer no váter. Pulsou na cisterna,  abriu a billa e quentou as mans. Na cociña prendeu o fogón, colleu a tixola e bautizouna co aceite. O sal gordo, o pirixel no vaso con auga e o peixe sen tripas berraron por riba do lume, fora dos seus pensamentos.

TERRA DA FRATERNIDADE: Homenaxe a Zeca Afonso (nota: comeza no minuto 28)

Loading...
E dixo:

-A unidade emotiva consíguese no conto pola ousesión do que ten de sobrevivir
-O remate ha de te-la virtú de faguer simultáneas no esprito as imaxes que foron sucesivas
-A presenza do remate debe estar atafegada, pero latexando con forte resonancia en tódolos currunchos do relato
-O remate é unha imaxe que fai estoupalo conto nas verbas derradeiras, despois de inzalo poderosamente
-O conto é unha pelica na que se sinte o pulso dunha imaxe contida
-O conto é o remuiño que fan arredor dunha lámpada moitas bolboretas, todas mergulladas na mesma luz

O Dieste

-Vai indo, non si?

A Nena