Lene

Non existe incontinencia na idea de narrar as cousas a paso delicado. Desobsevar os pardaos nos caleiros do tellado, contando os días que lle quedan a túa compañeira para descalzarse da vida. Igual, quen sabe, a túa data de caducidade está máis pronta. Que máis dará... Teño claro que o que me espera non será peor que o que teño: Uns anacos de miserias varias na Poza das Ras.

Detrás do valado da miña casa, un lobo descansa a súa mirada nas fiestras do pai do Uxío. A carraxe carga de valor a aqueles que non se fatigan coas honras propias senón coas roubadas ós seus. O corpo do animal figura un penedo enxoito. O da muller, unha cabaza, dura por fóra, esponxada no interior.  Pero que importan os seus ósos, son os del os que estrañaban o corvo e a chasca. E por iso o lobo estaba esperándoo dende facía catorce días.

No día vinteún, aquel esposo baixou da montaña coa caza no lombo da besta. No camiño da Poza, ulía a animal e lonxe de se preocupar avanzou con paso máis lixeiro. Cando alcanzou a velo, parou, xirouse cara onde estaba a súa muller. Presa doada, calculou, e comezou a falar: Seica esperas a alguén? Puidera ser. Non son os seus peitos demasiado brandos para as túas gadoupas? Non son do meu desexo. Entón? Busco a un home que mudou a súa pel pola do meu pai.

Naquel intre lembrou dous invernos atrás, apareceulle a imaxe dos cornos afiados dun castrón e non entendeu. De que falas? De quen, dirás. E achegouse aínda máis a quen o retaba, por curiosidade non máis. Non es un can do monte?, con retranca. Un lobo, con carraxe. Pois eu non lembro ter falado con ningún até hoxe. O meu pai, foi un carneiro que me atopou despois de que os meus me abandonasen. Un que tropezou contigo no monte do Marco e que lle mercaches ó seu dono. Puidera ser. Pediuche, por vello, unha soa cousa. Non recordo. Antes de matalo, poder beber do leite dunha ovella do teu rabaño. Si. E en vez diso, muxiches unha cachena. E ti que saberás?

Sei. Achegóuselle sacando os caninos. Que na morte, hainos que entran con medo, outros arrepentidos e os menos con valor. E que ten que ver iso? Que o valor pode estar nunha cunca mediada de esencia da nenez.