Heartbeat

Vomitar é o modo en que se desfai unha da carraxe e da dozura. Responder ó día tal e como che vai precedendo, satirizar as propias accións e desafinar como un anuncio publicitario coa banda sonora equivocada. Teño por costume esconderme nas etiquetas das cousas, fago como que non me importan pero, manteño un mínimo equilibrio con elas. Ademais sustento a métrica espacial suficiente para non rozar coa pel dos demais. E se fai falla desaparezo unha estación ou dúas.

As veces, mentres miro as maletas dos outros penso na sorte que teño ó atoparme a min mesma na barriga, tra-lo embigo. Empequenecida na calor, nun corpo de tensión baixa. Despoxo cada un dos meus seres na transpiración das miñas dermes. Se me viñeses bicar, aceptaría.

Sen mirar ós teus ollos, como unha gatiña que lambe o seu cu de vez en cando, deixaría que me cariñases ó final do lombo. Teño pouco de ninguén nas roupas nas que me ispo diante de ti. Se deixara de pensar en min a través das miradas que chegan dende os outros corpos, igual podería borrar ese sentimento de alma en reserva.

Fíxate na miña cicatriz, aborrézoa, igual que á vida que me salvou. As dedas sen unllas, os dedos pegados e os xeonllos por riba do pescozo amencen desordenados, paralizados nos meus miúdos. O sentimento de amar é un estado de inconsciencia, a acción é a consciencia dunha mesma.

Agochada no acuario, pérdome. Se me viñeses arrincar a saia, aceptaría.

Mentres tanto, sen embargo, evapórome na miña insubstancialidade, nin sequera me apetece sorber os segundos contigo. Por que habería de admitirme como parte de alguén que non me quere mercar e que pola contra, se vende por un orgasmo infantil. Teño en min dúas mulleres, a que se estremece e a que non trema, e aínda así, sucumbiría a un post it no meu dormitorio que borboriñase se me beliscas o espírito devólvoche o corazón.