De ratos e galiñas (cara b)

-Anda pois -miña meniña salvaxe-, a mastigar nas landras.
Camiña amodo -na Estixia-, sen medo.
-Que aparten os penedos dos camiños que alumeas
-os croios das ribeiras-, coas cintas do teu cabelo.

Seica vomitas equinoccios,
gardas a lingua á párvula. Coleccionas segredos.
Disme que polas tripas escoitamos, que as nosas carnes,
das pólas do ar ceiban os ratos que percorren o teu paseo.

Sorrís na pel da bruxa, entre os meigallos.
Danzas. Colleitas doenzas diante de vidascadaleito.
Sobre as nosas fraquezas,
chuspes os funerais que non agochas.

-Vai, apura meu pequecho,
a negociar o meu corpo ó arrabalde. Non máis daquela esmola,
a roubada do mutilado cego.
Agarda ó home co pescozo torto.

Coloreados nas unllas de vermello,os brochados de esmalte.
Respírase no orgasmo,
o noso home sen cachazo. Tropezas.

-Ai nena, non perxures que -si escoita-,
vaino levar o demo!
Onde caixóns ananos, todiños vernizados,
esconden finados de cemento.

-Anda a mirar, como o home desdoura
unha coroa de princesa sedela.
Gaiola espiñada do reo,
-despois da noite, antes do día-, trema.

Encollida no pombal do neneiro, sen consolos, espreita.
-Magoada laverca, pasmas ou asexas?
Viches como vai o voso querindango, os calzóns mollar na poza?

Troupelea a presa encoirada no fedor
co carambelo da inxenuidade.
Téntase borrar o lixo da palleira, entre mercadorías sensuais,
soliloquios acompañados de desexos.

Da saia nos xeonllos recea, afasta a porcelana da vaixela.
Entre os ferros e o estrume, no seu nariz,
a maraxe. Faise mañá e o interregno vadea
para o can do urco e o seme neurasténico.

Collidos un e un brúen na cara núa
do animal e da muller. Arrandean
o lenocida e a nigromante. Tenden a corda
que suxeita os corpos de anís, para que desaparafuse
hologramas das sempre-noivas.