Coordenadas e chacinas

Rillou nas cenorias mentres facía tempo até que chegase. A Sandra está ingresada, e o seu irmán levóulle-los pais a esperar no hospital. Unha pedra no ril rebentándoa por dentro e unha historia, por fóra. O deixalos baixou polo ascensor, non viu que de camiño cruzárase o Alberte. Subía cunha caixa de bombóns e medo no corpo. Igual mellor sería dála volta pero determinara facelo e non lle apetecía volverse atrás. Andou polo terceiro andar, buscou o cuarto e entrou amodiño. Dentro, viu a unha muller medio durmida. Estaba soa, así que se meteu, pousou a caixa na mesiña, deulle un bico nunha meixela e marchou.

Aquela mañá os dous homes quedaran na cafetería do Rodeiro. Lois estaba a beber unha caña, cando Alberte entrou e pediu un café na barra. Tan cedo, pareceu dicir cando viu o vaso na mesa. Saio fumar, contestoulle sen falar. O camareiro tróuxolles xunto co tique, algo para picar. Cando volveu apestaba a nicotina.

Falaches con ela? Podería dicirse, deixeille un paquete. Sabes o que queres? Quen o sabe

Os pais de Lois viron a súa irmá algo despois, saíndo de quirófano aínda sedada. O enfermeiro díxolles que podían marchar ese mesmo día. Chamaron ó fillo e acompañárona ata que el  chegou.

O sábado xa estaba na casa, aínda que na dos seus pais. O primeiro do que tivo noticias foi del. Como andas?, escribiu no wasap. Non contestou.

Aborrecíao dende unha noite en que despois dalgunhas copas, acabaran no Lisboa. Para el, non fora exactamente o mesmo. A aposta de Alberte afogábaa e non sabía como desfacerse da linguaxe da que abusaba para con ela.

Na tolemia dos que presumen de xenerosidade no exercicio da conquista, hai recunchos que estorban ós que foxen. Non é que Sandra o fixese sempre, aínda que si bastante a miúdo. Algúns poderían ver nela unha actitude de misandría. Sen faltos de razón, sen embargo a realidade tiña máis que ver cos fíos autolíticos que deseñaban a súa personalidade.

Isto, pola contra, non tiña que ver coa falta de atracción sobre Alberte, que existía, pero si co odio que comezaba a crecer. En canto lle deron a caixiña do hospital, recoñeceuno. A Lois ocorréraselle aconsellalo cun par de entradas para un concerto de Bajofondo e unha caixa de bombóns belgas. Pensouno un pouco... a caixiña regaloulla á nai e as entradas ó seu irmán.

Veña ho´! Non podo... De verdade?

Percorreu o camiño ata o supermercado sen moitas gañas, colleu algo de froita, un molete e peixe. Na caixa, mentres lle daban as voltas, uliu a camiseta dun mozo que collera unha cola, pipas e algunhas chuches máis. O rapaz mirouna sen interese, colocouse na outra caixa e marchou.

Na rúa, empurrouse a si mesma e abriu o coche. Meteu a bolsa no maleteiro, cando escoitou un Ola. Que fas aquí? Xa ves... Vaste xa ou, tomarías un café? Foise. É máis sinxelo danzar cun pedazo de plástico que achegarse ó sexo do que non se desexa, aínda que o motivo sexa unha mesma diante do espello.

Lois sentiuno, unha noite mentres a esperaba. Baixo as mantas de formigón, andaba a pestanexar ideas. E chegoulle coma unha tronada: ía tempo que non a quería e algo menos que comezara a odiala. Así que pensou na mellor maneira de deixala: no lamento dunha viúva, na compaña da adúltera ou no camiño do pródigo. Ningunha era doada. Escoller supuña a perda de algo: a do homicida, da liberdade no loito ou na prisión; a da amante, da seguridade da axenda propia e da allea; a do fuxitivo, do patrimonio. Aínda que a última non o atraía e a segunda dáballe preguiza, optou por ámbalas dúas. Seguiu mordendo nas cenorias, por evitar o chocolate e baixou o bar.

Como che vai con Sandra? Diría que me ten noxo. Non será tanto...

Lois namorou en tragos grandeiros e quedou preñado dun bastardo así que, emprendeu obrigado unha nova viaxe. Os tres meses, atopouse nunha cruzada que non esperaba, enviuvou da amante e foi na busca do pasado. Revolto como estaba, non sabía como chamar a súa porta.

Perdóame. 

Se eu dispuxese das inversións que fixeches no neno, seguramente lle mercaría uns zapatos negros, en vez de marróns, pero non estaba para decidir. Escolliches iso e o sabor do meu xeado. Ó fin, volveramos.

Si? Tes un misto? Non

Se despois de todo non importase o como se fan as cousas, igual non importaría o que se tiña escollido, pero así as cousas, non nos podemos apartar das accións propias.

Lois? Si? Como che vai? Como no principio. E a ti? Igual, meu irmán, igual

TERRA DA FRATERNIDADE: Homenaxe a Zeca Afonso (nota: comeza no minuto 28)

Loading...
E dixo:

-A unidade emotiva consíguese no conto pola ousesión do que ten de sobrevivir
-O remate ha de te-la virtú de faguer simultáneas no esprito as imaxes que foron sucesivas
-A presenza do remate debe estar atafegada, pero latexando con forte resonancia en tódolos currunchos do relato
-O remate é unha imaxe que fai estoupalo conto nas verbas derradeiras, despois de inzalo poderosamente
-O conto é unha pelica na que se sinte o pulso dunha imaxe contida
-O conto é o remuiño que fan arredor dunha lámpada moitas bolboretas, todas mergulladas na mesma luz

O Dieste

-Vai indo, non si?

A Nena