A noite é

A noite é o final do paseo de Adela, nos días de calor e nos que a choiva afoga as rúas. Ela vai mirando ós que camiñan como cangrexos para non tropezar e sacúdese do silencio saudando a alguén. De volta a casa bótalle atún á leituga e logo enche o prato da cadela. Despois, prende a tele, sube o volume e espera até que soa o timbre. Sorrí para si, non lle replica á veciña. Regresa a cociña, mastiga a ensalada cos dedos e ó terminar, deixa no fregadeiro a louza. Após camiña a pasiños o corredor, empurra a porta, apoia o bastón, senta na cama. Ó fin deita e déixase espertar.