Paporroibo

Adela e Flora tardaron o mesmo en contestar ó teléfono.

-Si?
-Flora, quen chama?

O outro lado, a voz doutra muller borboriñou un lugar, o nome dunha cafetería na ribeira. A ningunha lle apetecía, Adela andaba aínda en pixama e Flora estaba a almorzar leite con café e pan. No entanto, André supuxo que hoxe podería quedar e esperouna no portal:

-Xantamos?
-Non vou poder
-Veña o? Un viño, entón
-Mañá traballo. Agora teño presa

Prometeulle que buscaría un oco e apurou o paso. A outra vestiuse sen gañas e recolleu as cuncas e as culleres da mesa, limpou as migallas e botou a correr cara o ascensor antes de que pechase.

-Adeus

Na cafetería non había ninguén. Salvo a dona que lle explicou que abrían as once. Así que foi dar unha volta polo río para facer tempo. Cando regresou, Adela estaba na porta.

-Perdón

Evitáronse e sentaron unha enfronte da outra. Ambas pediron un café con leite escuro e dobre de azucre. Buscaron un periódico.

-Sinto

Unha pasou as páxinas ata as necrolóxicas. A segunda fixouse na cabeceira e buscou a páxina oito da sección local. Un dos seus excompañeiros do instituto publicara un estudo de non sei que. Estaba guapo. Ambas mulleres miraron o reloxo, alí non entraba ninguén. Pagaron e saíron.

-Vai un bo día

Antes de comezar a remexer o caldo do día anterior, soou de novo o teléfono. Entre as  sabas da Adela saíu unha maldición.

-Oes non teño gañas de bromas
-Enténdoo pero, é que non podo

Baixaron a corredoira até o bar de Xan e alí volveron esperar pola que non chegou. A muller morena, máis pequena, de ollos acastañados, pediu unha clara. A máis rosadiña, gordiña e de ollos musgo, outro café.

No lugar, outra vez só a taberneira e a outra muller, que debe ser cliente fixo e con moito tempo libre. A que primeiro cansou ergueuse da mesa, foi o baño e pagou ó saír. A outra, deixou os cartos no prato da mesa e saíu mirando cara a barra.

Adela, díxose: como volva chamar mándoa a merda. Flora: hai que ter collóns. E seguiron nas súas vidas, esquecendo unha despois da outra, a puta chamada.

-Terías tempo para virme cortar o pelo?
-Quizabes, hoxe as catro e media
-E non pode ser máis tarde?

Mirouna con certo desprezo, pero aceptou. Namentres, a moreniña axustaba unha saia ó cós para ir pasear. Acostumada como estaba ós ollos das mulleres e dos homes, dáballe igual que éstes a martelasen cada vez que ela golpeaba o chan cos seus tacos.

-Señora, podería?
-Por corenta e cinco, si

E subiu ó cuarto para lamberllo dende a punta ata o rabo. Deixou que o pensara un intre e logo de pórlle a goma, abriuse para terminar canto antes.

-Veña!
-Espera un pouco
-Pagas?

Ergueuse e saíu pola porta. Embaixo pagou un chupiño e tragouno encabuxado. Na rúa camiñou até Tras Campás e tocou ó timbre.

-Teño traballo
-Anda, imos tomar un café?
-Estou esperando a unha clienta
-Cando terminas?
-Espera por min na Ra
-Sobre?
-As dez

Secou os cabelos e remarcou o floco. Púxolle o espello na caluga e esperou inqueda.

-Gústache?

Temesiña mirouse e consentiu. Mentres varría na galería da cociña, a Luísa buscou os vintecinco euros que lle pedira e fuxiu.

Ós dez minutos a peiteadora espíase no baño e xiraba a billa. Sentiu o lume por todo o lombo e no peito dereito. Apartouse ata axustar a temperatura e deixouse levar pola humidade do ar.

Ó acabar buscou os leggins negros, a camisola azul e envolveuse na pashmina. Correu algúns metros detrás da falta de tempo e foise relaxando a medida que ía chegando. Na taberna pediu un godello e esperou, coma sempre, polo paspán do Eladio.

-Ola
-Onde estabas?
-Fumando

Aquela noite bicouno no portal. Pero, esperou un par de semanas máis:

-Bonito cuarto
-Queres...

Baixoulle os pantalóns e comezou a bicalo con ansiedade. Non teño presa, parecían dicirlle as  mans daquel home, mentres a espían.

Prestoulle pouca atención ó cuarto, ata que viu a crema na mesiña de noite. Non parece que pase fame, pensou, aínda que podería disimulalo un pouco.

Trinta e cinco minutos despois das doce a outra recibiu unha chamada:

-É moi tarde... Está ben, cal é a dirección?

Cando chegou sorriu.

-Dous nun mes, vas ter que facer un abono

E volveulle comer o sexo: Se lle pagasen dobre polas gardas como ós médicos, pero éche o que hai.

Aquel home tiña un apartamento bastante chusquiño a pesar da desorde. Aínda que ulía algo a muller, non dubidou de que alí non vivía ningunha.

-Vas querer máis? Para aforrarche a carreira (e a min)

Chanceou mentres recollía as súas cousas.

-Podes ducharte

Cincuenta días despois daquilo, Flora e Adela recibiron unha nova chamada. A muller pedíalles perdón e convocábaas, despois de moito insistir, para unha nova cita na cafetería do hostal da Lorena, O Pepito. Ámbalas dúas subiron as escaleiras ata o primeiro andar e sentaron preto da fiestra. Esperaron vinte minutos, miraron unha para a outra:

-Sabes quen é a filla de puta
-Non, respondeu perplexa
-Apetéceche outro viño

No terceiro preguntoulle se quería marchar ou ir para outro sitio. Tiñan fame así que convidouna a unha ración de luras e outra de zorza. E correspondeulle cunha invitación a torta de selva negra no Airas.

-Vou rebentar

Flora cortou o móbil catro veces antes de quitarlle o son. A outra muller non lle fixo caso a un par de chamadas. Dúas copas despois, bicáronse.

-Pasou algo?
-Nada

Un cuarto de hora antes da unha, chegara André. Apenas vinte minutos despois da mensaxe. Quitaron as súas roupas, falaron pouco. Ámbolos dous continuaron no leito da súa exmuller, sen medo de espertar á pequena.