Na vila

Custaban algo menos de tres pesos e aínda así, decidiu que non tiña cartos para mercalos, así que deixou os zapatos e regresou ó posto para vender as castañas, algunhas flores para difuntos e media ducia de tarros de mel. Celestina tiña ata que sobre as cinco, o Camilo viñese a por ela. Recolleu o cesto e as bolsas e foi á taberna do Souto a comelo polbo e o flan de ovo. Un pouco de viño? Acenou coa cabeza e seguiu co xantar. Podo deixar iso aquí? Coma sempre dona Celestina. Grazas, meu neno. 

O chan estaba mollado, caeran unhas gotas pero xa amainara. Celestina subiu pola beira do río cara a Alameda, despois cruzou a estrada e tirou cara a praza do Concello. Paseou baixo os soportais e meteuse na capela. Botou un par de avemarías, un painoso e saíu cara os Baños. María invitouna a un café e ela rexeitouno, antes do baño non lle sentaba ben, e menos, despois. E, un anís? Tampouco.

Sentiu a auga no seu corpo, a fría e a quente. Saíu da bañeira e tentou secarse entre a humidade do vapor. María lle dou as voltas e despediuna cun sorriso envolto na roupa negra, polo seu fillo, primeiro, polo pai, despois.

De camiño ó Souto viu o Camilo e baixaron xuntos. Pediron, agora si, un café con gotas e foron cara o coche. Meteron dentro as compras e o cesto da Celestina. Deulle volta a chave  e de súpeto comezou a saír fume. Collóns! O do taller lle explicou que a peza non a terían ata mañá. Xa non había autobús, polo que tiveron que coller un cuarto no Caracas. O del estaba dúas portas máis a dereita. O home da Rosa estaba moi canso, así que apenas acabou a tortilla, marchou para a cama. A Celestina que nunca pasara a noite fora, logo que se foi o veciño estivo a observar ó hostaleiro, á súa dona e ós seus fillos facendo os deberes.

Pediu un licor café e, en canto fixo efect,o foi dar un paseo polo Barbaña. Os noventa pasos comezou a chover de novo e alguén lle alongou o seu paraugas. Non se asuste. Acompañándonse un anaquiño un o outro, o home faloulle amodiño. Ulía a xabón de afeitar e tiña un paquete na man dereita.

Quere tomar algo comigo? E xirou á dereita, empurrándoa mainamente cara o Casino. Dentro puido velo mellor. Levaba posto un abrigo gris escuro por riba dunha chaqueta e pantalóns negros. Os zapatos estaban lustrados e, por debaixo da camisa, adiviñábase unha camiseta coas mangas cortas, quizabes moi miúda para o frío desa noite.

Debían ser como as dúas da mañá cando ámbolos dous notaron que ela caía co sono así que, decidiron coller o camiño do hostal.

Despedíronse diante da porta do hospedaxe. O hostaleiro que desexaba volver á cama apenas fixo caso da muller que viraba a rubio ó sentir as calores do alcol polo seu corpo. Subiu con coidado para non esvarar nin facer moito ruído e meteuse no seu cuarto. Espiuse a presa, e foi tornar as cortinas, cando viu o homiño alí embaixo. De pe, quedo, apoiado no paraugas, mirando ó seu cuarto. Estremeceu, o que lle axudou a vomitar as calores. Despois de aclara-la boca e pasarlle un auga a face, retornou á fiestra. Alí seguía.

A muller baixou de novo, abriu a porta un pouquiño e abaneou o brazo para que se achegase. O home, obediente, entrou as agachadas no cuarto e quedouse cerca da porta. So hai unha cama. Ó que lle respondeu sinalando a cadeira. Pero, has durmir algo?

O home afirmou coa cabeza. Despois pousou o abrigo no respaldo, entrou no baño co paquete e, saíu decontado vestido cun camisón. Máis cómodo, pareceulle dicir. A Celestina a quen aquela visión lle parecía moi tenra, esperou a que se tapase coa mantiña que lle deixara na cadeira namentres se estaba a cambiar, e apagou a lampadiña.

Non soubo que marchara, pois non espertou ata as oito cando o Camilo lle petou na porta. Vou ó taller, en canto estea veño por vostede. Non se preocupe, almorce tranquila.

Mirou a cadeira, a manta dobrada nela e a porta do baño pechada. Chegou a pensar que estaría alí. Logo mirou pola ventá, cambiouse e apurou polas escaleiras, agardando velo na rúa ou na cafetería, pero tampouco. Pediu o leite con moito café e mastigou nas galletas mentres miraba as fotos que estaban colgadas na parede. Señora. Si? Un home veu está mañá e lle deixou algo. A Celestina abriu os ollos. Teno a muller, quere que llo traia agora?

Entre as mans, envolvido nunha folla da Rexión, un pano bordado cunhas pequenas rosas incribelmente rosiñas.

3 comentarios:

  1. Un texto moi fermoso. Escribes moi ben. Despréndese que sabes de que vai o asunto. Ánimo.

    ResponderEliminar
  2. Aínda uliscou, nas flores entretecidas, o recendo aceso da adolescencia.

    ResponderEliminar
  3. Moitísimas grazas Miguel... Sigo aprendendo...Ata o Nexos, biquiños



    ResponderEliminar

TERRA DA FRATERNIDADE: Homenaxe a Zeca Afonso (nota: comeza no minuto 28)

Loading...
E dixo:

-A unidade emotiva consíguese no conto pola ousesión do que ten de sobrevivir
-O remate ha de te-la virtú de faguer simultáneas no esprito as imaxes que foron sucesivas
-A presenza do remate debe estar atafegada, pero latexando con forte resonancia en tódolos currunchos do relato
-O remate é unha imaxe que fai estoupalo conto nas verbas derradeiras, despois de inzalo poderosamente
-O conto é unha pelica na que se sinte o pulso dunha imaxe contida
-O conto é o remuiño que fan arredor dunha lámpada moitas bolboretas, todas mergulladas na mesma luz

O Dieste

-Vai indo, non si?

A Nena