Postneoclásica

Atórdame escoitar o discurso onde non se repiten dúas afirmacións iguais, cando se lembra unha data que non sexa a do 29 ou se ensaian ideas ilustradas neste século. Non podo lembrar porque non aprendín e, se non teño memoria  non teño argumentos para defenderme: no social, no feminino, no galego. 

O baleiro é algo así como desexar as filloas da bisavoa. E eu, vinte anos despois de que morreu, aínda desexo.

Que ten de importante, máis alá dos que buscan unha cátedra, o adestramento do saber? As cruzadas contidas de simbolismos doados para a mercadotecnia, nas que se empregan con similar intensidade maiorías e minorías, de que me serven?

Difícil namorarse dunha ideoloxía que se intitula a si mesma. Secasí, que camiño escoller? Entre a anorexia ou a bulimia mental, practico a segunda. Así me vai...