Naked

Esvara entre as troitiñas, enredada nos poemas do desexo. Chuspe de limón e patacas fritidas no magosto do seu alento. Promételle non enganala e non o fai. Déixalle descubrir as penquiñas do lombo mentres se viste a presa no baño. Non hai máis.

Se ela quixer, habíao cortar en filetiños coma unha pescada, íalle quitar as espiñas, limpar as vísceras e regalo con zume. No canto diso, saliva  nas sabas os seus recendos.

Tardou algo menos dun mes en aparecer no seu cuarto. Volve sentir o sal e as ascuas. Déixase rasurar o pescozo e, limpa a ducha antes do café. Se el quixer habíaa chuchar ata os ósos, adobar con allo e pirixel e secar coa pel do revés.

O seguinte barbeito durou todo o verán e máis. Non foi ata o tres de novembro que o seu amante se desenvolve de novo nas súas entrañas. Ven coma un can rabiado, toma o seu e, marcha.

So catro días despois de defuntos vense de novo. Temos que facer contas, crávalle a muller no ouvido esquerdo. Cales? Antes de marchar, non te esquezas, tesme que dicir canto é todo