Fiestras

Séguense as miradas, pérdense entre eles e a súas epidermes, esquécense de que son dous e, sorrinse a si mesmos na estupidez do momento. Antonio baixa os pantalóns coa rapidez dun fórmula-un e Lois fuxe cara as sabas. 

-Vaia, seica agora es covarde

E ri con cada un dos seus dentes antes de fincarllos no peito. Cren os rapaces que o pan de cristo sabe demasiado seco, que o corazón é vulnerable ós que o traizoan.  E Antonio pensa que na misa hoxe don Afonso alongou demasiado o responso. Mañá vaille preguntar polas pombas que hai na sancristía. 

-Onde anda?
-O que?
-O que é meu

E chora de risa á vez que o seu amante lle sorbe as bágoas. Cren os homes que no outeiro aloumiñan os paxaros e as moreiras, que os pulmóns temen ás pneumonías alleas. E Lois lembra que no traballo don Camilo lle rifou sen razón porque o verniz non lle quedara igualado. Mañá vaille cambiar a cor as cadeiras.

-Ven
-Vou

E foron e esconderon da Odulia as costuras da almofada, que se foi meter entre eles e as súas teas. Todo porque ela esquecera as agullas no cuarto do faiado e eles, todo o demais.

TERRA DA FRATERNIDADE: Homenaxe a Zeca Afonso (nota: comeza no minuto 28)

Loading...
E dixo:

-A unidade emotiva consíguese no conto pola ousesión do que ten de sobrevivir
-O remate ha de te-la virtú de faguer simultáneas no esprito as imaxes que foron sucesivas
-A presenza do remate debe estar atafegada, pero latexando con forte resonancia en tódolos currunchos do relato
-O remate é unha imaxe que fai estoupalo conto nas verbas derradeiras, despois de inzalo poderosamente
-O conto é unha pelica na que se sinte o pulso dunha imaxe contida
-O conto é o remuiño que fan arredor dunha lámpada moitas bolboretas, todas mergulladas na mesma luz

O Dieste

-Vai indo, non si?

A Nena