De homes e mulleres de ben

Na nenez unha pensaba nos nosoutros como os fillos de deus que describían os relatos da catequese.  Á catequese non ían nin Brais nin Lois, porque os ollos orientais non entenden de demiurgos e diaños. E isto nin estrañaba, nin importaba os demais, pero a Brais e a Lois, si. E era que todos os nenos antes da misa quedaban coa Laura e don Ramón, menos eles. 

Definir, a medida que o xemelgos ían crecendo, o coto da existencia propia, íase facendo cada vez menos doado. A Adela tentaba facerlles entender que as cousas do ceo eran tamén para eles pero que non precisaban de predicamentos dominicais do home de negro e da muller de rosa. Cor preferida da Laura para as súas blusas dende a primavera ata o outono. E era tamén, cando saía cos nenos o río para explicar os evanxeos: "En la ciudad o pueblo en que entréis, informaos de quién hay en él digno, y quedaos allí hasta que salgais", lía esa tarde. 

A ver, preguntou don Ramón, con quen quedariades en Rabo de Galo? E os pequenos miráronse uns ós outros. Cada un na súa casa, pensaron. Aínda que o pai dese coa vara e a nai tirase das orellas. E vos?,  ós de Rabo de Galo: Igual, volveron pensar. Así que se confirmaba no silencio que ninguén quería dicir que na outra aldea se estaba mellor que na propia. Aínda que isto, non lle gustase moito ó cura.

Enfadado berroulles dende atrás. Non hai ninguén bo na outra aldea? Si, contestaron timidamente, algún só coa cabeza. Don Ramón riu e seguiu a ribeira ata que se perdeu o cruza-la ponte e baixar á fraga. Polo camiño, viu ós nenos da Adela xogando cos saltóns e as margaridas e, lembrou que dende o bautizo, non os vira pola igrexa. 

A idea chegoulle inmediatamente e, sen esperar, correu a explicarlla á nai. Os nenos tiñan que facer a primeira comuñón. Non, dixo rotunda a muller. Pero, por que non? Porque non vou facer deles uns paiasos, pensou. A teima de don Ramón non sufriu nunca de fatigas, así que finalmente, conseguiu convencer ó pai cos encargos para limpar as pedras das capelas de Rabo de Galo e Cabeza de Vaca. 

A máis sorprendida foi a Laura cando don Ramón lle dixo que tiña que preparalos para o día. Dos traxes encargouse a modista. Fíxoos dous homiños en dezaseis tardes. Dos rosarios, a avoa, que a madriña non tiña  máis cartos que para as empanadas e o brazo do xitano. E de facelos calar e non fuxir durante a misa, a nai, que as ameazas dunhas cachetadas do seu home, entendíanse sen explicalas. 

Así que, para ledicia deles, os nenos fixeron o que os outros durante catro domingos seguidos. Repetiron como eles, na beira do río o avemaría e o pai noso ata que aprenderon a movelos beizos ó compás dos pequenos. E no quinto día, detrás da santiña, arredor do cruceiro, pasearon o cemiterio e entraron na capela, collidos ós rosarios por bendicir. 

Daquela pasou que no que estaba o final da misa, don Ramón botou un peido e a nai dos xemelgos que temeu o peor mirou para eles e lles esixiu que non se movesen e se mantivesen caladiños. Así que Brais e Lois miráronse un o outro e aguantaron a respiración, como cando a nai lles daba coa vasoira por coller sen permiso o requeixo da neveira, para non empeorar as cousas. Pero entón, volveu a soar outro peido, aínda que esta vez viña dun dos nenos. 

A misa por fin rematou, e don Ramón sentiuse satisfeito por afastar a estas dúas almiñas do inferno. Que ben se portaron, díxolles a Laura, e que guapiños están, á vez que os bicaba.  E a misa que bonita foi, seguiu dicindo... 

E os peidos!, escoitóuselle a un dos curmáns que andaba prendendo o seu primeiro pito no fondo da mesa. Ai, non lles fagas caso, mirando ós xemelgos, a estes neniños, meus pobres,  perdóaselles todo. 

Menos os pecados do señor cura, respondeulle a Adela anoxada.

TERRA DA FRATERNIDADE: Homenaxe a Zeca Afonso (nota: comeza no minuto 28)

Loading...
E dixo:

-A unidade emotiva consíguese no conto pola ousesión do que ten de sobrevivir
-O remate ha de te-la virtú de faguer simultáneas no esprito as imaxes que foron sucesivas
-A presenza do remate debe estar atafegada, pero latexando con forte resonancia en tódolos currunchos do relato
-O remate é unha imaxe que fai estoupalo conto nas verbas derradeiras, despois de inzalo poderosamente
-O conto é unha pelica na que se sinte o pulso dunha imaxe contida
-O conto é o remuiño que fan arredor dunha lámpada moitas bolboretas, todas mergulladas na mesma luz

O Dieste

-Vai indo, non si?

A Nena