Self: Around-in

Down, down, hai unha culler de prata embaixo, nas escaleiras.
Up, up, no lucernario están debuxadas as ánimas dos que sorrindo, feneceron.

Out, out, fanme durmir o lis e a macela.
Around, around, a gata que cos seus choros, todas as mañás me esperta.

No centro da esquizofrenia, mármores de carrara,
nos paseos dos que asedian con hieráticos procedementos,
que aforcan razóns como chuchan carambelos.

No transbordo do nada á vida e da vida ó nada,
un chisco.

A creación nunha bocallada do eu en  papel, vidro ou lama.

Ven o tolo cun coitelo, sorrindo. 
Ven marcar  entre nós a diferencia, 
a que as unllas dos seus pés, me asemella.

Down, down, hai un espectro que se esvaece.
Out, out, no espírito da profesión do non ser.

Sorrindo, por non molestar, 
ó médico, ó cura, á nai.

Around, around, entre as saias,
a corda que a existencia, amortalla.
Up, up, as trenzas das existencias
das que coma eu, non perdoan
as cicatrices da libido, as torpezas da mente.

In corpore: o eu do que me transcende.


*Delirio catro