Post mortem

Non custaba facela rir, non aforraba en bos pensamentos nin en apertas para todos eles. Por outra banda nunca os escoitaba. Nunca, nin sequera, cando regresaron da estrada a Ourense, onde o Cruceiro. Viñan de despedir o curmán, que derrapara unha tarde atrás, queimando motor e afumando o tubo de escape. Tamén viñan de tomar uns viños e cafés na tendabar do Lourenzo e de roubarlle a bola do futbolín. 

Dixéronlle que o neno tivera moitas flores e que había moita xente, que a nai berrara moito o metelo no nicho, pero que se portara ben na misa: Non chorou. Repetíronlle o que falara o cura, e mostráronlle as cintas que trouxeran.

A neta explicoulle a quen vira e a pesar de que non acertou con todos, a muller que non fixo por atendela, non a corrixiu. No medio dalgunha das frases Maruxa decidiu saír a darlle o resto do caldo as galiñas: Deixádea.

Na rúa viu o Adolfo coa escopeta: Boa caza? Non atinei. O meu neto si que se lle dá ben.  Mira o ben que o fai que a Morte o levou para axudala cos seus encargos.