Folerpas de veleno e azucre

Un monstro de ollos azuis, único na súa forma e no seu contido, naceu entre os vermes do corpo desmembrado da Lorena.  Uns poucos órganos -non suficientes-, un brazo sen dedos e unha perna ata o xeonllo. A cariátide dun pensamento vingativo, escoltada polos muros doutras dúas formas. A do neno que morreu no ventre, a do vello que caeu no lameiro que defecou.

Unha parte de home que comezou a camiñar tra-lo paso da nai descomposta, timbrou no primeiro a. Tusiu dúas veces no segundo portal de San Paio, e seguiu arrastrando a man esquerda, mentres  acoitelaban a alguén no terceiro andar: 
-Benito?
-Ssii

Respondeu babeado e, enganchado ó pomo, entrou, achegouse ó elevador e esperouno. A Lorena berroulle dende dentro:
-Puntual, coma sempre. Hoxe teño unha sorpresa. Gústache o marmelo de moras?
-Ssii

Contestou, porque dicir non era máis canso. Deixouse envolver de azucre negro para logo sentir a lingua da nenaputa por toda súa derme. A Lorena esperou a baleirar todo sobre o seu monstro dos mércores e despois mollouno en pan de millo. Gústache ía repetindo e miraba aqueles ollos azuis infinitos, sei que si, a min, moito, continuaba a dicir.

Aos poucos, a pícara foi sorbendo todo o marmelo, e cando non quedou, comezou coa pel e seguiu coa graxa, coas vísceras...:
-Ssii

Atinaba a dicir mentres ía diminuíndo entre as sabas, debaixo daquela lámpada de papel e aramios.
-Ssii

Asubiou antes de consumírense, mentres berraba con aqueles inmensos ollos azuis: has me limpar todo o veleno... halo levar contigo...