Neves e fariñas para a princesa

Nerea, rodeada de papamoscas -o lugar dálle bastante noxo, pero a Paula empeñouse-, espera a que chegue a hora de marchar. Alí atopa un sapo nevado do pasado. El, virado de costas,  non ve os xenerosos bicos -eses dos que ten tanta falta-, que lle dedica o sapo nevado presente que non se despega delas.

Aquí a Paula, rindo o viño e o vodka... e Nerea -soportando as babas deste e o despeito daquel-, a facer por rir. A rapaza camiña cara o baño -feitos os cálculos, terá para media hora polo menos- entre sapos e ras que andan a aspirarse uns ós outros. Plastifícanse entre as caixas de cervexas do almacén e por riba do lavabo. Ese mesmo no que de seguro vomitaron algún que outro sapo e máis elas as dúas.

De que vas? -croa a rapaza

Un sapo fai batucada nas portas dos mexadoiros. Unha ra desarma a súa canción no que esperaba a súa quenda entre retrancas espirituosas.

A Nerea, o váter dos sapos dálle case tanto noxo como o local, pero neste momento apeteceríalle quedar o resto da noite sentada nel. Aínda así, abre a porta, pasa entre os anfibios e chega onde os seus. O do pasado segue de carrelo, falando non sabe con quen outro sapo. Namentres Nerea observa como unha das ras -mesturada entre eles-, a mira. Croan ambas, en silencio.

O do presente segue a soprar muiñeiras a Paula e a regalarlle achegas de marmelo a Nerea. Paula croa risas sobre-actuadas e esvaécese detrás do marmelo. Nerea, pola súa parte, afoga entre o doce e non sabe se fuxir arrincándose a pezoña cun de que ides?

Entón ámbolos dous sapos -o nevado presente e o pasado-, abandoárona no seu curruncho, como se alguén lle soprase o mundo derredor.  Logo, creceu para ela a lama do pantano, cantaron máis forte os outros sapos.

De que vas?- croou Nerea en canto volveu a Paula e, saíron d´alí