Silence

No estómago, nas unllas dos pes, na raíz do cabelo, silencio dentro e na miña contorna. Mentres se explican os ventos por riba da miña cabeza, miro, unha e outra vez, o niño baleiro -no patio da casa da avoa-, a merda no chan e,  río.

Pola tarde  -xa na fila do banco-, ó tempo de colle-lo tique sorrío -van no cento dous, levo o cento quince-, sen mirar tampouco, para o home de garabata vermella que me ri -sen vernos un o outro, sen molestar a ninguén-. Nin á señora que non para de falar -sobre o tempo, a política e o paro- e está a rir coa nena loura que se ri amarrada a súa nai. Quen lle dedica un sorriso porque a súa filla  -que vai no curso de Daniel o pequeno dos da farmacia- é o seu tesouro e, o seu ex non lla roubou -como fixo coa súa identidade.

E ri o policía ó parar o coche negro con matrícula francesa; e o condutor -recén graduado en audiovisuais-, e o seu compañeiro rin, mentres se bican. E rin o can -con fame de dono- na dársena e o peixe na rede, e a doutora -acosada polo conselleiro-, no despacho do avogado e o caixeiro na academia de francés -que cambiou de local fai un mes...

Todos eles rin nerviosos mentres o seu e o meu mundo caen na conta de que son perecedoiros.