Pola noite do San Pedro

-Tes que marchar?
-Claro, ti es parvo
-Pero, si aínda é cedo
-Será para ti
-A Odulia non deixou de bailar
-Ela vive no Pereiro e o seu pai está na cantina
-Si leva nela  todo o día e o que vai de noite -riu
-Non che importe, eu teño que marchar
-E se te acompaño
-Non preciso
-Muller un anaquiño nada máis

Non houbo maneira, así que o Amancio colleu o Evaristo dun ombreiro e mentres lle berraba ó oído que onde andara, empurrouno cara a costa da Pena. 

-Fun mercar petardos
-E logo os da tarde
-Boteillos a Manuela
- Como llo diga a nai
-Xa llo dixo
-E?
-Veu o Xaquín -o irmán- e, correume a paos detrás do palco da música
-Veña, e estás así?
-A Manuela non parou de mirar
-E?
-Eu creo que lle din pena, hoxe ha soñar comigo 
-Ti estás tolo!
-E logo, de que vos rides? -replicoulles o Roberto
-Home, e ti onde andaches?
-No futbolín. Por certo, estiven a esperarvos
-Andabamos ocupados 

De camiño ó Seixo, entre os tres contaron os mouchos que viron -dous-, o morcego -un- e debuxaron os carros coas estrelas daquela noite de San Pedro. Non por nada, máis nada por pasa-lo tempo. E así seguiron falando ata que lles pareceu escoitar algo.

-A raposa?
-Veña o!
-Espero que non sexa o lobo
-Deixa de meternos medo

Rumiou o Amancio e continuaron.

-Que che custa?
-Mañá inda é festa
-Dous nada máis
-E logo que fago mañá? -protestou
-Botarllos a Manuela non
-A Manuela?

E volveron rir.

-Escoitade! 
-É un lobo
-Vai a merda!
-É unha besta?

Entón o Evaristo si que botou dous petardos. Un, dende dentro co medo e, o outro prendeuno coas forzas que lle quedaron logo de rebentar. E os tres comezaron a correr, cada un por onde se lle ocorreu. Pero o Roberto tropezou co animal. 

-É unha vaca! -berrou

Entón comezoulle a dar cunha vara que levaba na man dende facía un cacho. O Amancio, pola súa banda, botou a correr e rachou nas silveiras os pantalóns, o xersei e a camisola. Despois daquilo, ó chegar a casa levou unha boa tunda, aínda que importar non lle importou nadiña: 

-Que ocorre, sarxento!
-Andan a botar tiros!
-Fillos de puta! 
-Agarrei a un!
-Non o soltes!
-Que te mato, que te mato!
-Pero, si é un neno...
-Serás cabrón! Vaslle dar a puta da túa nai, foucellas de merda!

E o Roberto levounas, tantas que unha das pernas fixo crack coma unha noz. O berro escoitouse coma se saíra das entrañas do monte e, o paso do Amancio e do Evaristo esnaquizaron cada un enriba do seu penedo. A rolos polo monte abaixo expiraron a covardía e deixaron de respirar ata que non escoitaron máis ruído que o propio. 

Niso, ámbolos dous refixeron o camiño, recolleron o rapaz sen falarse e coa carraxe nos ollos llelo entregaron a súa nai.

-Mañá vas ver a Manuela
-Non che sei, por que?
-Por que si a ves dille que a próxima que che mande o irmán, vanlle meter un petardo no cu!
-E iso?
-Nada, téñolle gañas