Hypnagogic

Elena suspendida no balcón da casa da Angustia, coidándose de que a nai non a vexa rifar co canpastor, imaxina auga. Moita auga saíndo do bidé, correndo polo chan de todo o primeiro andar, abrindo o parqué, escorréndose polas escaleiras, para arrefria-lo ar e afoga-los ratos.

Antonio, enganchado á escada, escoita os berros de Elena. Sabe que a nena tenlle medo a Lúa e que o can non fai caso dela. E ri mentres sube ó faiado para arranxar algunhas tellas rotas. O home, que aproveita para limpar o canellón, espreita como o ar engule os seus cabelos e como as follas secas se conxelan no embude do lameiro.

A Nela rompeulle a bolsa da compra e anda a atala xunto o lavadoiro. Está a ver como o Antonio cae dende o tellado da casa que está enfronte á da Angustia. Crava as unllas no chan para acariñar o sangue invisible dos vermes que se desenterran na desenvoltura do solo. Sinte o ar acoitelándolle as costelas e cociña bágoas de medo, na espera ata o impacto.

Ó fin, Elena arrastrada polo Antonio, esmaga a Nela no ínterim en que uns esperábanse ós outros.