Taninos (II)

-Un coitelo ben afiado e ben amarrado, por aquí, ves? Se ves que se revolve moito dáslle un golpe e logo cortas
-Por aquí?
-Si, pero cólleo ben
-Imos
-Miña nai, a que estás montando...

O coello sen cabeza convulsionou durante uns minutos despois de morto. O Patricio quitoulle o pelexo:
-O queres?
-Bueno
-Vaia hoxe viraches mudo, Xaquín

A  Sabela fixérao calar cando lle pediu ser máis importante co patrón. Regaloulle a paga de corenta días, escondida o papá: -Se me cumpres o desexo eicho compensar

-Es un neno estúpido, pero has ter o que pides

Espetoulle.

Na quintana dos Bois a liturxia sempre era a mesma. Non había homes e mulleres, eran animais fedendo e carretando pelexos infinitos. Non había tempo para amolar ó Lisboao ou conquistar á Filomena.

-Merda de can!
-Non te atrevas!

Retirouse e foi mexar, logo pediulle á moza preñada unha pouca auga.

-Non prefires un pouco de viño
-Non grazas

Adela andaba a xogar no Souto e, a mirala, o paspán do Roberto.

-Queee -berrou-,  botas de menos ter fillos!
-Ei -sorprendido-, como andas!
-A tres patas, xa ves

Apoiado nunha vara contaba os pasos ata a noite, aínda quedaban algúns e a súa segunda perna estaba cansa de andar de lado.

-Seica onte fuches a ver a Sabela
-Seica esta aldea é moi pequena

A Adela subiu o penedo e tras ela dous dos cans.

-Vana tirar
-Os cans? Que va...
-Señor?
-Si, Xaquín
-Hai un saco de pelexo no palleiro da Herminda
-E que fai alí?
-Deixárono onte pola tarde
-E por que?

Da igual, vai coa preñada e a ver se entre os dous o podedes levar.

-O meu pai me di que si llo trae xa
-Si

Férvense cementos en auga e cal, énchese de magro a néboa e todas as mulleres abafan coa suor dos homes e algúns homes rabian coa suor das mulleres

-Roberto! Xaquín!
-Sabela
-Vinde

Que me ides dar se  vos cumpro o desexo.

-Sabes o que teño, pide
-Sabes o que terei, pide
-Todo?
-Muller, todo, todo...
-Vale, ben,  o primeiro que vexades ó vos erguer pola mañá

E deixárona atrás incrédulos. O Roberto aínda tivo tempo de ollar a Adela, o Xaquín a casa do patrón.

Pola noite, o Xaquín espertou. Soñou case toda a noite coa esperanza posta na meiga. O Roberto non pegou ollo, vomitou no reflexo da Adela no seu espello.

-Sabela! Sabela!
-Non berres, que pasa
-O Roberto anda tolo, vai cara a túa casa
-Estou a esperalo

A liorta comezou cedo. Dúas hostias contra a parede e unha ó Carmelo.

-Que me fixeches, filla de...
-Frea, o que pediches?

Querías ou non querías ser máis poderoso que o patrón. Pois aí o tes. Pero eu non son Roberto. Es o que pediches. Pero eu non quería andar entre a merda. Iso non o dixeches. Entón el?

-Sabela
-Si
-Non para de chorar

O Xaquín non tiña forzas para vocalizar. Quero volver, quero volver. Para outra, rapaz. Pero... Vai xogar. A Adela miraba para el, como se non o coñecese, pero ó fin colleuno da man.

-Sabela
-Si, Roberto?
-Gústame esa nena

Para outra, rapaz, para outra...

E un foi o outro e o outro foi un... O cabo é o que pediran...