Se puidese, se puidera*

Voar baixo o mar, nadar por riba do ceo*. Deconstruir na Atlántida homes e mulleres Panxea. Por riba das emocións,  por baixo dos soliloquios, unha brincadeira espida de dominatrix. Pero en vez diso, miro a miña contorna e desconfío: da nai, da amante, da amiga.

Se alimentase os días coas mortes alleas, cos panteóns a medio encher, coa luxuria do homicida en pleno acto. Se o fixese faltarían noites sen pesadelos... eses momentos agradabeis nos que respirar a podremia nosa. Se durmise xunto as miñas cinzas, o meu sangue non arrefriaría e o  alento perdería o poder de ferir as veas. Se puidese desafiar ós ósos do pai, cortexar a beleza da enfermidade, dos pasos da vellez prematura. Infestar o nicho de vermes, expulsar algúns polos buracos do corpo. 

Puidera que o mastigar a miña lingua fuxisen dela volvoretas de ás curtas. E tralos cristais: ras rebentadas nos camiños, vespas afogadas coa calor.

Se construíse algo que merecese unha anotación -na busca da creación perfecta tal vez:
 atopase un cadáver fermoso como o teu cadáver
*Op cit PS