Nó gordiano

Mudar de pel e sentir como  a vella vai caendo... Coidarse de non esvarar co fel que chuspe o fol do meu espírito. E sorrir, sorrir tanto como para espertar a todos e cada un dos amantes que non se quedaron a almorzar.

Ler a medias a Castaneda e, esperar que na quinta do último deles, unha das amigas se aproveite das sobras. Entenderse co espello e entre a sabas. Simular viuvez sen antes casar. Contar os dedos, as dedas e os buracos do tempo. 

Mirarte. 

Alimentarte a ti mesma de ti mesma e, mesturarte cos teus ósos, vísceras e aire. Concentrarse no presente, desexar o futuro, esquecer os vellos tempos. E xogar.

Saltar a corda coa realidade, facerse un nó a ela e esperar... a plena luz: a que alguén chame por ti.