AGEISM

Son o que fun nas primeiras horas de vida, xusto despois das oito da mañá, durante os meus primeiros choros na cegueira do meu berce. Son o que fun na escola de Mariñamansa, mirando de esguello a vara do cura mentres nos explicaba o presunto delito de deus. Son o que non deixei de ser cando mostrei o papá o peluxe que me nacía no pube, cando enfurruñada volvía para casa sen o xeado por portarme mal, e cando mo deron sen pedir: nin o xeado nin a vacina.

Son o que non deixei de ser cos primeiros bicos platónicos e cos velenos dos xogos adolescentes. Son o que fun mentres faltaba as aulas na uesecé, cando escondía igual das chufas que dos piropos. Son o que non deixei de ser diante da barra do bar e detrás, con nómina ou sen ela, son.

Son o que fun, cando saín da casa da nai e cando entrei na miña, cando derramei a aventura sentimental e cando entrei na misa polos fieis defuntos. Son o que non deixei de ser na consulta da xinecóloga, diante do de facenda, na cola do banco e na da peixería.

Son o que fun, por riba do tangaraño, na estrada do Furriolo, na autovía a Santiago, no corsa vello, no rexional, no freire... Son o que non deixei de ser antes da incontinencia, despois da labilidade emocional,...

Con oitenta e oito anos recentemente cumpridos son o que fun e o que non deixei de ser en toda a miña (puta) vida, e antes e despois...