Paseniño

O meu tío era un home miúdo de olliños  newman e bigote gable.

-De que o queres?
-De chocolate
-Non queda
-De fresa

Nun día de verán, despois da sesta, mentres el lle daba voltas ó café, eu destapaba o vasiño.

-Colle a culler...
-Non lle queres unhas gotas?

Asentiu.

-De quen é esta nena?
-E neta da Gaiteira
-Non parece
-Onde vas?
-Sentarme -respondeu a pequecha

O tío non corría, falaba baixiño e xesticulaba pouco ou nada. A tía, sen embargo, era unha mullerona morocha, que sorría mentres berraba que pechases a billa porque te estabas a poñer boa. Remexía nos armarios como se quixese atrapar un rato e camiñaba cara a horta como se o mundo fose a estalar en calquera intre.

O tío dos olliños azuis limaba os dentes cun palillo e escoitaba o que o Lois lle estaba a espetar:

-Tendes que por un pastor eléctrico
-Xa
-Ou vixiar mellor as ovellas

O seu bigote arqueouse un pouquiño cara a esquerda e os seus iris miraron cara o meu xeado.

-Imos

Turrou de min cara a praza da fonte, enchemos o cántaro e camiñamos moi amodiño pola estrada. Cando chegamos o cemiterio, olliños de newman  virounos o valado e murmurou:

-Vai vir tormenta

E colleume forte da man ata que chegamos onde a tía.

-Pero, de onde vindes? Temos que subir as cousas do garaxe e a nena ten que ir a bañeira

A tía colleu o xampú e estendeu o xabón na man esquerda.

-Queima! Ai, agora está fría!

Gable estaba na cociña, batendo nos ovos e atendendo da sartaña coas patacas.

-Aparta, sigo eu
-Tío?
-Si?
-Onde se colocan os enchufes no monte?
-Que enchufes?
-Os do pastor eléctrico...