Taninos (1)

-Señor non esqueza o ouriño
-Si si, agora vou rapaz - muxindo no penico- e, levas moito?
-Mataron varios cans e o patrón rabiou contra min
-Vaia, e sabedes quen foi?
-Quen sabe... igual ninguén. A verdade e que estaban mortos de fame
-Coma nós, amigo, coma nós

Sorriu e camiñou cara outro home para repetir a operación:

-Hoxe levo presa
-Lembre que cobra puntualmente por iso
-Seino, pero agora non teño gañas e non podo esperar
-Non esqueza que o patrón pode esixirlle que vaia por vostede outra persoa
-E a quen podo mandar?
-Teno no contrato, señor
-A Noela?
-Vostede saberá
-Si puxen a Noela -inquedo-. Pero, é como a aviso
-Vive moi lonxe, señor?
-No Outeiro, na casa das fiestras vermellas
-Podo ir ata alí, logo de acabar 
-Tería que avisala
-Iso xa é cousa súa
-Bueno, pois quedamos así

Sobre as dez e media da mañá xa tiña rematado. Foi polo seu primeiro café e recolleu as cacas dos cans da praza dos Reis:

-Ola! Ola?
-Que me queres, rapaz?
-Veño recoller o mexo
-Ai si, podes esperar aquí?
-Non
-Non?
-Ten que facelo diante miña, neste vasiño... Téñome que asegurar
-Pero é mexo
-Si, o seu, o de agora
-Pero son unha muller -enfadada- e, diante dun neno...
-Faga como que son un doutor
-Pero non o es
-Miña señora, o home díxome que hoxe non podía e, el e máis eu temos que cumprir
-Vale, vale, da a volta
-Non pode ser
-Pero...
-Que teña un bo día, señora

O carro pasou vinte minutos máis tarde e, todos os nenos agás o Xaquín e a Adela, que hoxe non podían faltar na escola, estaban alí, a espera de que o Roberto lles dese o cheque semanal:

-Que é iso
-O de sempre
-Non, non... non é o de sempre
-Vaia
-Hoxe, un dos homes mandou...
-A unha muller

Separouno dos demais e seguiu cara o curtidoiro. As pedras ameazaron -coma sempre- os bocois ata a entrada das tenerías:

-Baixa todo rapidiño que hoxe imos moi atrasados
-Mira o que traio
-De muller!
-Como o sabes?
-Veña oo...

E recolleu o bote con desgana, apurando o paso cara o muíño:

-De onde ves?
-Da porta de Cestelos
-E onde vas?
-Cara o Castro
-Pódesme levar?
-Si, pero tes que esperar
-Si, home

Mentres regaba o carro, preguntoulle que ía facer con aquilo:

-O patrón non o quere, pero sei ben a quen lle vai facer ilusión
-Ilusión, un bote con mexo?

Riuse, e cambiou de tema... Xa era noite cando chamou a casa da Sabela:

-Quen é?
-O Antón de Fraguas
-Vaia co castrón, e que se che perdeu?
-Nada muller, nada. Vin para traerche isto

Sorriu para arrincarllo da man:

-E sabes de quen é
-Dunha nena de Cabeza de Vaca
-Moza
-Non che sei... E que me das?
-O que me debes
-Veña o!
-Facemos unha cousa, agora non podo atenderte, pero se ves o domingo despois da misa, botámoslle o mal de ollo a quen queiras -rindo
-Non fagas broma con iso
-Entón?
-Querería unha cousa?
-Cal? Espera, a muller de...
-A Adela

Sen mostrar sorpresa, despediuno case sen explicarse:

-Antes do vermú -berrou dende o camiño

A muller recolleuse na cociña para remexer nos caixóns, encheu de auga unha pota e, acendeu o lume:

-A fecundidade da lúa, a paixón da noite e o segredo dos tesouros dos mouros -farfallou-. Todo iso quero para a miña namorada...

E mesturouno todo.