Fíos


Estiven gardadiña no oco que se ve entre as xuntas das paredes da cociña, por riba do fregadeiro. De vez en cando salpicábanme coa auga, máis fría que quente. Estiven así ata que a nai colleu a polbeira, mollouna no esprai e repartiuna polos azulexos da contorna.

Despois daquilo, andei sempre envelenada. Chuspía nas rutinas e liberaba algún  trobisco en forma de lapo que ía contra todos vos e sobre todo contra min. E unha noite, matinei rematar con todo aquilo. Rebentaba ou rebentaba, pero no cesto das patacas.

Deixeime caer na ensaladeira, arrastreime pola porcelana e saltei ó mesado. Camiñei dous pasiños e  pouseime no pano. Unha hora e media despois tiráronnos ó cesto da roupa e dende alí escalei polo vimbio para logo volver baixar.

No chan busquei o recolledor e, en tres horas, estaba no cubo do lixo. Pechei media hora os olliños. Dende a fiestra o gato miraba a nai, que tiña nos dentes un anaco de carne e, que por como o tiraba cos dedos, víase que se lle resistía. No que acabou no cazo do animal serviume para aproveitar e saltar o seu lombo.

Enganchada á pel do pescozo e cuberta de pelo, deixeime adurmiñar outro pouco. No tempo de media xeira, xa tiña percorrido dous tercios do espazo que fixera en toda a miña vida. Isto animoume a pensar que  ó acabar de desenrolar ó proxecto personalizado de reinserción proposto, poderíame licenciar nunha  carreira calquera que me levase a ser astronauta profesional.

Inclineime pola vasoira. Esvarei por ela a uns catro anos luz. Pensei que quedara sen cu! Recollín o pelexo das nádegas e repúxeme na alfombra de esparto. Rañei ata quedar espida de todo e a carón do radiador encollín durante outro cuarto de xeira.

Descompúxenme, de pasta a líquido amarelo e fedento. Serpeei ata atopar o oco que se ve entre as xuntas do baño, debaixo do espello. Alí agocheime.

Agora moitas das veces zurríchanme coa auga  pero... máis quente que fría.