Quen son?

Repiten como se se tratase dun concurso.

-María, e logo non o coñece?
-O neno do Eusebio...
-Non oo, fíxese ben. Quen é... Non se lle parece aos de Ramirás?
-María, quen son? -a visita
-O Lisboao
-Mira como se acorda! -sorrí a filla, como se lle regalasen unha caixa de bombóns- Viuna ver...
-Como está?
-Pois, xa ves, se non é por eles... Ai, a miña cabeciña...

Soa o timbre.

-Ramón vai ti! -berrando á cociña
-Quen ven?-berrando dende o cuarto
-Ai, pero por que viñestes? con todo o que tendes na casa... Como andades? -berrándolles
-Ben.. que che vou dicir... e vos? -a nova visita
-Como podemos, miña rula, como podemos -acariñando o ombreiro-. Mamá, quen son?
-Ola María, a ver, sabe quen son?

Mira con olliños de orfa á muller gorda e engurrada, e aos nenos, e ao home...

-Como está? -insístelle -Coñece? -á filla
-As veces ...
-Son a do Camilo
-A Sandra?
-Non, non, a Sandra morreu...
-Está farta de sabelo...
-... son a filla da Odulia
-A Isabel?
-Xusto, pero que guapa que está!

Unha das mulleres sae do cuarto, chorando no cueiro e chuspindo -canto se pode-, nos que lle andan a roubar a nai aos cachiños:

Desta vez, fodédevos... acertou!