Argumentarios


Entre o pensamento máxico e eu, hai un Verdugo. Un pequeno mar de auga doce que se revolve entre os demais e que sinte como o seu pasivo racha a caixa do produto interior. O daqueles que diminúen as concesións derivadas dos diezmos concibidos.

Solápanse os risos e as angurias e estoupan na espiña bífida dunha terra que non sae das súas cronicidades. Aínda que algúns berrar berran. Entender non lles entenden e, ó fin, as contas non dan... a min tampouco.

Na expresividade da carraxe por unha inxustiza (ou dúas) non sempre se inclúe un discurso intelixente e honesto, nin sequera de valor, a pesar das violencias emprendidas. E tolerar as xustizas alleas, igual que nós nos sobretolerïamos, é un exercicio que aflixe. No que as maiorías, incluídas as maiorías das minorías, non se mergullan. Pra que?

E de súpeto unha paréntese confusional que sabemos de onde ven, pero non a onde vai. Un brote que esperta na cama dun hospital, diante dunha muller de traxe verde que observa a nosa cara de espantallo.

E a todo isto, os que seguen conformistas os camiños incómodos debuxados por terceiros, tampouco van poder responder. Non se van liberar dos cuestionamentos propios, porque non o son. Igual que eu cada día interrógome, polo menos, no espazotempo dun par de orgasmos frustrados.

Esta mañá virei o pescozo a esquerda e a dereita. Pedinlle a un carniceiro que mo colocase no lombo e que me deixase un ollo por riba do embigo. Din a volta ós meus riles.

E aínda así... non fun quen de fuxir do fedor inútil das accións dos que dogmatizan o decurso do espírito-social.