Remendos



Sampedro de Cabeza de Vaca é un santiño pequeniño que se agocha ao lado esquerdo do altar. Está alí quietiño ata finais de xuño en que o sacan de paseo tras unha das dúas virxes que hai na parroquia. A segunda  é -coñecido por todas- a Celestina.

Muller de poucas ansiedades, da que din que por non replicar, non escoita. De feito, de nena houbo quen pensou que tiña algún problema nos oídos, pero despois de moitas probas na Residencia, demostrouse que, en realidade, non era persoa de emocións. A súa pasividade é tal, que a ela -como ao santiño-, so a sacan unha vez ao ano. Lévana a Ourense para que, como di o Lisboao -neto da Otilia, curmá da Rosa, veciña e moi boa amiga da Celestina-,  molle a palleta.

Sempre ía cos da Ghaiteira, pero desta vez, a súa sobriña Lola está moi atarefada atendendo ao Camilo, que caeu do estada meses atrás. Cun cranio partido por sete sitios e, un cirurxián que gusta de remexer nel, a Lola non está para as viaxes da Celestina.

-E como está o Camilo? -Rosa
-Vai indo-Celestina
-Entón este ano, non irás...
-Non che sei
-Dáme que o Camilo -meu pobriño!-,  vai ter para tempo

A Rosa deulle pena  e pensou  en buscar a alguén.

-Podo pedirlle ao Xulio que che leve?
-Non fai falla
-Si o, el sempre vai a feira a Ourense -animándoa- e non lle vai custar levarte
-Non sei
-Déixate pola mañá cedo e logo vaite buscar cando acabe


A Rosa falou coa Odulia, a nai da Carmen. A Odulia chamou a Eva para que lle dixera ao seu pai que tiña que falar coa Celestina para levala a Ourense. E o Xulio preguntouse por que a súa sogra lle mandaba facer eses recados e, non os facía ela.

-Que che custa...-replicoulle a Carmen

O sete, sobre as cinco da mañá  xa estaba diante da porta. A ela -coma sempre-, custáralle erguerse -e aínda máis a tal hora-, pero non quería perder a feira e o seu baño. Hora e media despois -e co Xulio rabioso por facelo esperar-,  separáronse e concertaron que cando el rematase pasaría pola casa de Baños.

Non tardou en vender tres ducias de ovos, dous polos e catro coellos pero, cando aínda lle quedaban cinco repolos, unha presa pequena de pirixel e quilo e medio de fatós, decidiu que estaba cansa. Entón, pediulle a Luísa se lle  podía facer un favor:

-E logo cal?
-Pórme todo isto co teu
-Pero, eu tamén teño repolo?
-Primeiro vendes os teus, e logo se che mercan máis...
-E vas tardar moito?
-Un anaquiño

A Luísa coñecía a Celestina de vello. Aceptou como as outras veces e, tamén como noutrora, cando a outra volveu, fixo as contas a súa maneira.

-O Anpián marcha as tres! -avisouna

E virou  cara a muller que lle pedía que lle devolvese cincuenta céntimos por dous ovos que lle saíran malos e que supostamente llos vendera na última feira.

-Pode comprender que eu non me lembre
-E pode comprender vostede que eu non minto -coa face anoxada-, ou me está a chamar mentireira?

-De chocolate
-Unha ou dúas bolas?

A Celestina esperou  na terraza de bar do Souto, lambendo moi amodiño o seu xeado.

-Coidado, vaille caer
-Grazas
-Era un café so?

Ela azanoulle a cabeza de arriba abaixo e  mentres lle pousaban a cunquiña.

-Celestina?

Mirouno.

-Sabe que o Delfinciño morreu?

Despois de azanear a cabeza de esquerda a dereita, baixouna.

-Dun trombo que tiña nunha perna, levárono rapidamente ao Hospital, pero nada

A Celestina non levantou a cabeza. O camareiro deixouna soa naquela praza cheíña de mulleres e nenos que bulían as súas vidas como si se lles escapasen os peixes da rede e andaran a atrapalos coas mans. Seguiu mirando e viu un carniceiro con medio tenreiro ao lombo e un ferreiro co súa funda lixada polas labras...

-Oitenta céntimos

No posto dos mandís, non achou un a súa maneira, pero mercou unhas bragas que sempre fan falla. Deixou unhas botas ao zapateiro para recollelas despois de xantar e seguiu -sen presa- a remexer noutro posto.

-So son tres euros
-Moi caros
-Por tres euros? Pero que quere, eu tamén teño que comer señora...
-Dous cincuenta

E marchou cos pantalóns, as bragas e os medicamentos que collera na farmacia Gómez.

-Chegaches...
-Vendeuse moito?
-Custoulle... Aínda hai algúns fatós
-Queda con eles
-Non o

Deixoullos alí e marchou a come-lo polbo.

-Viño?
-Pan?

Algo duro pero ben do picante, foino baixando aos pouquiños.

-Prostre, café?
-Aquí ten a carta

Mentres lle  traían o queixo  e o café con dobre de azucre para os dous, viu pasar ao Xulio. Andaba a mercar mineral e penso. Berraba non sei que de na próxima non cho pago, mentres ría por riba das cabezas de dous mozos, alleos as lerias entre o seu xefe e o home de Rabo de Galo. A muller fixo por non o ver e marchou.

-Ata a próxima -sorriulle o camareiro

Escaleiras arriba, achou a droguería aberta e decidiu coller algunha semente e un par de xabónsdaToxa. Pagou o arranxo dos zapatos ao Ramiro e lle desexou boa matanza.

-E dálle saúdos a Nela e, a ver cando trae o neno para verllo!

Escoitoulle a unha clienta mentres baixaba, por fin, aos Baños.

-Celestina, boas tardes! -abríndolle a porta- como anda?
-Coma sempre
-Xa vexo, guapísima -rindo- Que ben que veu a esta hora... Apenas lle hai alguén... Ten toalla?

Deixouna no segundo baño. A Celestina foi quitando os zapatos, as medias, e as gomas das medias, virou a saia, soltou o broche e baixou a cremalleira... Turrou das mangas da chaqueta negra, desabotoou a blusa gris  que lle fixera a Rosa, quitou a camiseta...

-Axúdolle?

E a María foille desenganchando un a un, os corchetes do suxeitador.

-Precisa dalgo?

Azanou.

-Bueno, xa sabe se precisa dalgo, toque o timbre -berrando-. Hoxe a auga estalle  moi boa...

A Celestina foi metendo os peciños, a auga ardía. Saíu, limpou o bafo do espello coa man e mirou os seus ollos nel, volveu a limpalo e camiñou un paso cara atrás, mirou de novo... Agachou a cabeza a dereita, cariñou un das súas mamilas e cubriu o seu pube... Logo, cando comezou a ter frío, arrimou a cadeira coas toallas e meteuse de novo na bañeira.

Foise dobrando, sentiu como o cu ardía. Ergueuse, colleu o manguiño da ducha e mollouse aos anacos: os peitos, a barriga, as pernas, o lombo... Por fin, estendeuse no chan daquela longuísima bañeira de pedra e adurmiñou.

Estaba así cando entrou o Xulio na casa dos Baños. Chamou pero non respondeu ninguén. Decidiu buscar a aquela muller pola súa conta, coñecéndoa chegarían entrada a noite. Petou e chamou por ela en cada unha das portas ao longo do corredor. Nesa que alguén contestou dende dentro:

-Aquí

O Xulio pensou -ou non pensou máis ben- en darlle presa e, empurrou a porta. A un lado viu un pequeno espello sobre un lavabo, nel o reflexo dunha muller envolta en vapor.

Non se explica pero, non dubidou e entrou. Mirábaa a ela e a auga e pareceulle escoitar:

-Alí está o xabón

Sen desenvolver, dentro da bolsa da droguería, xunto a uns sobres de semente, había dous. Colleu un deles, achegouse e, principiou a enxaboar lentamente aquela pel engurrada pola auga que fervía... os ombreiros, o pescozo, o escote, o embigo... E entón, a mesma voz, moi baixiño, espetoulle un:

-Acabaches?

Axitado fuxiu da bañeira, secou as mans na toalla e saíu.