Princesa

-Que levas?
-Nada
-Que tes aí?
-Nada
-Pero, que escondes?

Empurrouna. Chuspiuno. Encarouse. Mordeuno. Enfadouse. Arrepentiu. Perdoou.

-Unha caixa?
-Non
-Si o, unha caixa
-Non
-Veña iso é unha caixa

Fisgou. Fuxiu. Perseguiuna. Agochouse. Cansou. Volveu.

-E que tes nela?
-Nada
-Nada?
-Non

Afociñou. Flirteou. Envaideceuse. Asexou. Amolouse. Aloumiñou.

-Uns zapatos?
-Non
-Colares?
-Non
-Cartos?

Riu. Simulou. Brincou. Cinguiuna. Soltouse. Deixouna. Marchou.

-Papá
-Que?
-Enterreina
-A caixa?
-Cos dentes da mamá