Don Aquilino


Don Aquilino preséntase as novas eleccións polo partido recén nado: Forza do pobo. Decidiu que vai reconquista-la terra (e os ríos, e os montes, e o mar e o ceo...), para logo envolvela nun papel de burbullas e, enviarlla por correo a súa nai que aínda vive nos Bos Aires.

O home que, ademais de teimudo é moi ambicioso, quere que como a bandeira europea, a nosa leve trescentas quince estreliñas azuis. Pensa na memoria histórica... é previsor.

O políticonovel e as tres ducias de homes e mulleres expulsados dos partidos que finaron no segundo lustro do século, falaron dos seus símbolos: un porco, unha cobra, un lobo, un xurelo, unha raposa...

O da raposa atráelle moito pero non está seguro de que os da vila o entendan. Pensou nunha galiña pero xa hai paxaros dabondo e o da fouce ou un sacho parécelle esaxerar...

Unha rede... Unha pataca, un grelo,... Un mexillón, unha centola... Mellor que claveis ou rosas, hortensias ou camelias... non, non...

Xa o ten! e cun sorriso bérralles aos compañeiros e compañeiras:
-Un marco!*


*Algúns lindes non se ven, pero habelos, hainos