Polas pólas



Segreda confianza, a dunha nena de metro trinta escondida na maceira da patroa. De camiño a casa da tía, ninguén botaría de menos tres ou catro, ou si...

-Me cago na vella!

A muller andaba no lameiro de Currás e parecía que volvía as súas costas cara ela. Noite pechada xa, a pequena non se libraba dunha boa zurra se non espabilaba, así que subiu algo máis e, co medo no corpo, fíxose póla.

A Ramona, camiñaba encurvada no seu corpo enxoito, como si precisara de agarrar as súas tripas. Parecía tal como si tivese os ollos nas dedas, arrastrándoas coma pel de serpe. O resto da carne, un gran saco bafento envolto en roupas cosidas na vila. A familia dos Valverde tiña moitos cartos, pero poucas cabezas. A do xenro, que para iso non era do sangue, e a dun neto de arrimo, fillo segundo da Ramona. A do neto en canto puido fuxiu, e o pai bastardo perdeu as esperanzas que o avó puxera nel.

-Tres, catro...
-Ramona!!-berran dende a casona
-Merda! Un, dous, tres...

Co susto case esvara: a nena e a Ramona.

-Corre, corre,... que hai alguén a espreitar as túas contas...

Unha e despois outra, foron caendo as mazás, algunha foi parar no camiño.

-Veña
-Estou canso
-Un par delas e xa imos

Os fillos do Chinto regresaban da do Paulo e esfameados -a pesar do viño-, como andaban, a imaxe dunha compota quentiña,  encheulles, naquel intre, o pensamento. E a nena volveuse novamente póla.

-Eu subo, ti vixías e colles as do chan
-Pero, se non se ve!
-Pois apalpas!

Colleron as que lles pareceu e romperon algunha galla: vanme pillar e aínda me van botar as culpas da desfeita destes... A póla calaba.

Embolsadas na saia, deixáronse fuxir as cinco mazás, recolléronse cara a casa da Sabela. Compartilas cos irmáns non pareceu boa idea así que virou cara as medas do Lisboao e gardounas na segunda. Cinco mazás, catro domingos (a quinta non apareceu), despois da misa, antes do xantar, sabían mellor que a hostia do señor cura.

-Sabela?
-Si?
-Andaches ti pola casa da Ramona xiba?
-Eu? Non?
-Seguro? mira que se non...
-Avó, non fun eu
-E logo quen foi?
-Os do Chinto!

E o avó riu e a póla fíxose Sabela.