A paso de boi


Na rotundidade do: a camiño entre a mañá en que a túa nai te pariu e o derradeiro alento do vih:
-Merda, que fixen?
Ridícula entre as sabas molladas pola febre, tento convencerte de que as náuseas rematarán pronto e, se cabe, un anaco antes de morrer:
-Igual, moito antes
Aforraches en visitas: a da túa nai, a miña e pouco máis:
-E ti tamén sobras
Pregúntaste: canto morbo ha causar o teu funeral: cantas visitas ao médico: cantas vergonzas:
-Ok, entón: ferro, vih, hepatite b e c -vai sinalando no papel
-Si
-Algo máis?
-Ibuprofeno seiscentos
Na categoría dos males: Lucifer quedouse curto neste encontro co Purgatorio: despois de todo o pecado é inmenso:
-O sexto mandamento é unha feira
Ao fin non é cousa de cometer furtos ou roubos: de ningún tipo de patrimonio. Levas a reflexión cara a fiestra:
-Chove?
-E vai frío
Achégoche o zume: azaneas a cabeza, engurras a mirada e esperas que insista. Un bico cabería neste instante:
-Preciso unha aperta
-Boba
Escúsanse escusas para mostrar o corpo feito, non así: desfeito. Xiras o discurso:
-E o neno?
-Está ben
-Haste encargar?
-Descoida
Entra a túa nai e diche: que te tapes, que o pai anda a facer a vendima e que o neniño vese tan bonitiño: tívoo no colo e fíxolle carantoñas de avoa malcriada:
-Vainos tolear!
-Si -contesto
-Sorrí todo o tempo -e dálle!
A túa cara rexeita a conversa: como non a ías eludir! o raro é que non lle deas un corte: para unha hostia xa sei que non tes forzas, aínda que merecer: merécea:
-Porque é miña nai
-Xa
Fas por non escoitala: e por non ver que o teu pai non apareceu: e nin unha aperta ao neno, non vaia ser:
-Que me dea por pensar que aínda teño tempo
Porque sentes que a túa morte chega a paso de boi, pero a vida: -ai, a vida!: ela fuxe coma unha lebre

*Aos que nunca lles toca  unha quiniela...