Subxestións


Son a sociápata que, cunha danza en paralelo,
 anda a castrar as súas contornas.

Son a lectora que, suspendida no ego,
 imaxina ecuacións que fan do xe unha infinda onda.

Son a fame  que foxe de impropios alentos
porque non precisa de estraño alimento.

Son o saúdo recollido que non fala contigo,
que borra da memoria estradas para me afastar das fadas.

Son o fumiño que vos fai desaparecer,
animalia sen puntos de encontro coa mestura do seu ser.

Son a metaconsciencia envilecida,
que exhorta unha e outra vez os mesmos xuízos suicidas.

Son eu:  a que non quere,
a que non desexa, a que non ama.

Son eu: a que aborrece,
a que rexeita, a que se agocha
desa humanidade vosa que ule 
a afiado  ferro de azucre.