Pataquear


Todos os anos a familia dos Ribeirás ía apañar as patacas nas terras do Galo, por uns poucos cartos e algunha outra forma de pago. Non é que cobrasen moito, pero xa se sabe que sumando, sumando... E o que sumaban era todo o que se podía dende antes de morrer a noite ata o albor.

Aquel ano trouxeron con eles unha pequena que máis que axudar pasaba o tempo xogando. Se algún dos outros rapaces fixesen o que ela, de seguro levarían unhas boas labazadas.

-Alicia, ven ver

E ela vía: o ovo da galiña no niño baleiro do merlo.

-Que bonito? Va que si?

E a pequerrecha miraba cos seus ollos resgados, as meixelas cheas de pintiñas vermellas e a cara branca e redondiña. E aínda que lle rifasen, non paraba de sorrir, como si a cousa non fose con ela.

-Que queres, miña nena?
-Ir co papá
-Non, neniña non -con dozura-. Ti ves comigo, mira mete as manciñas, xa verás o que hai

Moitas patacas non é que atopase pero a nai contentaba e a nena esquecía.

-Que fas? -berrou o pai
-Non ves, pataquear! -berrou a nai

E ámbolos dous botaron unhas gargalladas. O Lino fixárase en todo aquilo e, non atrevéndose, seguía a espreitar:

-Tes lume?
-No peto da chaqueta -replicou o compañeiro-. Alí por baixo da mazaira
-Alguén quere unha auguiña ou un viño?
-Auga, auga
-E a nena?
-Unha auguiña tamén

E a nena bebía nela coa ansia dun gatiño polo leite da mamá.

-Despaciño
-Ola, eu son Lino -o neno da Sabela
-Ola
-Chámase Alicia -a nai

Un anaco despois os nenos botaban a correr entre as patacas, as mans das mulleres e os sachos dos homes.

-Coidado, ides caer -lles berraron en varias ocasións

Sen facer caso, seguiron  ata cansar tanto que, a un seguido polo outro, lles deu por tirarse, así  todos suados, sobre a terra que por aquela hora xa comezaba a quecer. Aos ver alumeados polo sol, a nai de Alicia colleunos e levounos ata a sombra dunha froiteira, preto dela. En todo o tempo non lles sacaba ollo.

-Bueno, hai que marchar
-Xa?
-Si Alicia, mañá e outro día
-Non
-Si dille adiós

Os nenos separáronse na estrada. Os Ribeirás foron cara o Rial -seica durmían no palleiro do Lisboao- e o Lino camiñou carreiro arriba. Ao chegar a Sabela lle preguntou bastante anoxada:

-Onde estiveches?
-Pataqueando
-Non lle berres -interveu o pai-.  Estivo a xogar coa nena dos Ribeirás... Pobriña...
-Si, xa che dixen estiven a pataquear
-Xa e por iso agora mesmiño imos ao caldeiro -resignada-. Merda por todos lados... Vaia cos rapaces -rexoubou
-Mamá?
-Si?
-Canto de lonxe está a China?