Na contorna


Lambidos tentan coroar a miña áurea. Aqueles que frustrados por aventuras pasadas andan a buscar, xa non a princesa senón a raíña -por idade, se entende.

Coas expectativas postas nas poucas mulleres que aínda pasean en militancias de ti non es o que espero. Maduriñas con zapatos de pel -a importancia de transpirar-, vestidos asinados -o valor da diferencia- e, chaquetas da única tenda que vai igual con complementos de lola´s que coa ecobolsa -esmaltes macroeconómicos.

Se ti quixeses, bombardean nos oídos da miña sombra. Tres ananos na mochila que zurciron -entre el e a ex-,  axustados pola balanza do xuíz ou, unha soidade eterna do que tamén anda a pensar  ti non es a que espero pero para esta noite...

Leo nos teus ollos a inquedanza de quen sabe que nin raíña, nin princesa... diante tes unha muller co perfil revirado e sangue aceda. Que aínda encaixa o seu escote diante do espello, que se calcetou a si mesma sen agullas nin asubíos  e,  que condena cada movemento do que pretende sen ser pretendido.

Se esta noite, nas conversas entre ti máis eu, sorrío de máis, desconfía, e si fago todo o contrario, tamén.