Servidumes herdadas


Da miña familia herdei unha falta de ortografía e un nome de ligazóns fascistas de nena instruída. As dúas cousas, aínda que algúns lles poida parecer pouco correctas, danme folgos para crer que non poden ser por casualidade. O mesmo que a mirada covarde dun perroflauta latinoamericano de apelidos alemáns, avistando a nova Europa.

A estrela que se me espetou no cu no mesmo momento de eu ser parida, ten espiñas que se reforzan no concepto da existencia propia e allea: porque son unha dimensión enchida de rituais politicamente incorrectos. Todo isto pola  incapacidade de danzar doutra forma que non sexa no interiorizado feminismo enfermo, na condena da perda voluntaria da identidade, no  eterno desempoderamento da miña clase social.

A defensa do meu dende a propia crucifixión, envolve os meus crimes dun carmín mercado a crédito: non coñezo guerrilleiros que non fosen asasinos; nin castanedas que non desenvolvesen unha adicción.

E é que non podo remediar pensar que onde ti ves un heroe,  eu vexo un soldado...


*Crecendo  coa axuda de terceiros:
-Grazas en calquera caso...