Bestas

 A Albina era unha muller de tres fillos, moi amañada para a horta e con pouco ánimo para a casa. O Ramón era un home de muller, albanel de pouca ferramenta e moitas costas.  O Ramón estaba feito de cemento e sábrego, a Albina de esterco e mineral. Así andaban as cousas na parroquia de San Pedro, polo menos mentres non casaron.

A Albina casou co Ramón no verán de mil novecentos cincuenta e oito, no domingo do patrón. Pasaron a noite na casa dos sogros del para, a mañá seguinte, o Ramón traballar pouco e a Albina,  menos.

Cando xa levaban uns meses, a muller pediulle ao home que lle arranxase un cuarto para o neno e, o home a ela, que lle muxise a vaca. Ao esposo pouco lle gustaba o de facer paredes e a esposa moi pouco o dos animais, pero por amor faise.

E o Albino fixo o cuarto e a Ramona fixo o queixo. O cabo do tempo o neno-nena botouse fora no camiño do forno e, branquexou o cemento do Albino e o esterco da Ramona. Todo eran cariños para o Monchiño, e logo para a Binochiña e para a Saritiña.

Os nenos almorzaban todos os días as seis da mañá e coidaban de darlle un bico a súa nai antes de saír para a escola. A Binocha foi a primeira en decatarse: -A mamá ten un vulto no pescozo. E os nenos miraban o vulto, cada mañá despois de almorzar e antes de darlle o bico.

-Que tes aí?

A mamá non contestou e o papá mandou calar. Logo diso, a Binocha espertaba as cinco e media da mañá, facía o almorzo e preparaba aos irmáns para a escola. Neses días, o papá  dáballes un bico a Albina e a Binocha antes de marchar. Entón, a mamá quedaba na cama e a Binocha muxía a  vaca, facía o xantar e axudaba aos avós no Rial.

Unha mañá o papá espertou a rapariga e mandou preparar un café para o médico de Forxás. Fíxollo antes de darlles o almorzo  aos irmáns, prepararlles a roupa e  mandalos a escola e logo, esperou.

-Binochiña, miña filla, vas ter que ser moi forte

As  tías e as avoas foron chegando, collían á nena e lle repetían:

-Binochiña, miña nena, vas ter que ser moi forte

E a nena preparou almorzos e cafés, e esperou.

-Ai, miña Binochiña!

Despois daquilo a Albina seguiu a prepararlles a roupa , a darlles o almorzo e envolveuse no esterco, mentres o Ramón choraba na fillaesposa.