In-queda


Suspendida enriba dun pesadelo de nubes e gominolas. Empapada na coraxe de desexar fundirme  nun baño de mel. Sucia e conxugada no ínterin azucrado entre-no-las-dúas:

-Respecto o coñecemento que tes sobre min -todo o que eu non sei- e escondo a insensibilidade por todo aquilo que ten que ver contigo

Calculo que un pouco despois das doce me dirás que tes que traballar, que debo marchar. Que eu responderei   comprensiva e me desfarei ata verme convertida nun acto da pasada noite. Nese que me envolveu de regaliz e crocodrilos doces e vomitou segredos botóns con sabor a cola.

-Observo o paseo dos teus ollos sobre as liñas da miña pel: as engurras, as cicatrices e todos os buratos que se encollen no teu suspiro

Sospeito que non me chamarás nin mañá, nin pasadomañá. E logo dun mes: -Eu non fun.  Non fun quen de conseguir que fixeses unha viraxe e baixases do teu opel para me recoller. Para bautizarnos de pegamento de xeado e mouses, e separarnos do chan polo menos un metro para danzar entre o teu aire e o meu.

-Escoito o silencio do móbil, escribo mensaxes que non se envían e reescribo ideacións de vidas paralelas. Dígome: se me emprestases outra noite

Atrás de hoxe, coloco na carpeta do lixo o teu número e espero uns segundos. Borro.