Cruce de camiños


Cruzou o mapa da península como Marco Polo, atravesando o corazón dalgún oso e pasando frío monte enriba. Quería ser carpinteiro e amarrou a súa viaxe no sur de Francia. Precisaba cartos para facer unha boa mesa e enchela de ferramentas.

En Rabo de Galo deixou á Ramona e ao Edelmiro, mirándose un ao outro. Ela tiña os ollos tan escuros como o seu carácter. El era un milhomes, pequerrecho e doado de levar.

Dende neno o Edelmiro sentábase nas primeiras filas, porque senón a mestra non o vía. E como tampouco falaba, en máis dunha ocasión, pasando lista, dábanse de conta  que estaba. A ela deulle pena porque se encollía ao escoitar o seu nome e esquivaba a atención de todos, igual que un insecto pau. Así que un día, o adoptou.

-(Non foi difícil deixarse recoller...)

O Antonio, dous anos maior,  coñeceuna na aula de Flora, pero perdeulle a pista cando pasou á de don Carlos. Guapo e tranquilo, algunhas veces cando pousaba a mirada ao seu redor, recibía  frechas de cores -as mais delas acastañadas-, chiscando cóxegas agradábeis nas súas costas. No penúltimo ano de escola, xa compartía co Alonso e o Paulo un ranking de mociñas coas que si, e outro, coas que non. E a Ramona era das que non, ata que o Antonio se namorou dela cun disparo, tal que así:

-Teñen sede!

Na fonte, onde se atoparon, o Antonio andaba a encher unha xerra de auga, ao mesmo que botaba unhas caladas e, a Ramona viña de recoller o gando.

O Antonio sentiu como se lle remexeron as tripas. Pero  non era ben roubarlla a un veciño, que por riba, era tan apoucado. Dábase conta de que pouco podía  facer, non moito máis que  deixarse caer pola aldea coa escusa dunha sega, as festas ou o fútbol... Por aquel entón os seus non comprendían o  por que de que, moitas das veces, prefería ir cos de Galo, e máis dunha vez, ofendéronse. Aínda así, non avanzou moito coa súa namorada. Ata que unha noite, esperando ao Paulo, viuna baixar polo camiño de Outeiro.

-Ola
-O-ola

Ela, tirou cara diante,  lambendo un xeado de nata e mostrando desprezo. El sentiuse pau e encolleuse.

Como dixen ao principio, tempo despois, o Edelmiro e a Ramona quedaron, e o Antonio, colleu o tren. A viaxe, non durou máis de tres anos. O pai do Antonio faleceu e el volveu para atender a nai, as súas irmás e ao irmán pequeno. Pouco despois o carpinteiro, aparcou un pouco máis a súa teima de construír cadeiras e portas e decidiu meterse a gris.

Naqueles anos, ela marchou a Alemaña, soltando ao Edelmiro. As cartas entre eles foron perdendo forza, porque el tampouco falaba por escrito. Nunha delas a Ramona descubriu -antes que o propio Edelmiro-, que a Adelina o adoptara e que tiña plans para levalo a Suíza. A Ramona lonxe de importarlle, sentiuse aliviada.

A academia estaba en Madrid, e houbo que volver marchar. Alí, co Xosé e o Emilio, compartiu, de novo, un ranking de mociñas coas que si, e outro, coas que non. A Adela foi si case dende que se coñeceron, ata que o Antonio se deu conta de que tiña que tomar a decisión. Unha noite espertou con náuseas  e ao día seguinte lle pediu ao capitán uns días de repouso. Encantado o mandou a Galiza a cambio de que lle trouxera uns mexillóns.

-(Mexillóns? en Ourense, non hai?!)

Antes de chegar a aldea parou no bar do Luís, en Rabo de Galo. Uns minutiños despois, entraba a Ramona para mercar pan, que hoxe o panadeiro non pasara por estar ingresado na Residencia. O Antonio encolleu  e mimetizouse co café con gotas.

-Ola
-O-ola

Respondeu o Antonio.