Kebab

O meu nariz turcoeuropeo vai moi ben cos meus ollos marrónscasenegros -atreveríame a dicir-, e creo que co tinte bimensual de cor marrón da miña melena estasinegra -065, segundo a caixa.

O meu apetito é impulsivo pero a miña soberbia -a que me viste con medidas que aínda podo soportar-, o controla a maior parte das veces. Sen embargo, se hai algo que a miña gula obriga alomenos unha vez ao mes, é a disfrutar dun durum-afogado-en-salsa-kebab -e das croquetas de garabanzos!

Do que sonsaco, que existen tres lugares onde soporto ir soa: ao cine, ao xinecólogo, lóxicamente e, a zampar nun kebab. Cando falo de cine, falo de calqueira cousa que me obrigue a mirar, escoitar e calar -incluidos os ritos relixiosos-, cando falo de xine supoño que non o teño que explicar e, cando falo de saborear da salsa branca: falo do que falo!

Pero a miña solitaria individualidade viuse sorprendida a outra noite:

-Eu te coñezo
-Ah, si?
-Ti subes sempre sobre as catro polo Parque de San Lázaro
-As catro?
-(Bueno) Non, as catro non... pero vas soa

O que veu significar na lingua do estou-nervioso-porque-estou-a-falar-contigo: -Eu sei, eu sei

-Ti comes no kebab das Lagoas

O que veu significar na lingua do estou-nervioso-porque-estou-a-falar-contigo: -Soa. Eu sei, eu sei

-Si, é o que máis me gusta
-Xa

O que veu significar na lingua do estou-nervioso-porque-estou-a-falar-contigo: -Soa. Eu sei, eu sei

-Ímonos!
-Si
-Non te vaias! -mirando de reollo a miña amiga

O que veu significar na lingua do estou-nervioso-porque-estou-a-falar-contigo: -Soa non, que eu sei, eu sei

Non souben que era o que el sabía, pero eu aprendín que hai algo que atrae máis a un home -ou muller- que a parella doutro, e é:

-Unha muller -ou home- que non quere ser de ninguén!