A carqueixa



-Érguete, quero morrer en Cabeza de Vaca!

A Sabela non dixo nada. Antes de marchar axudouno a levantarse, fixo o cuarto e despediuse da súa cuñada e os nenos.

-Queres a chaqueta?
-Non -con rabia

O Antonio aforraba a súa enerxía, adicada toda ela a agarrarse a burra. A súa muller tivera que axudalo a montar dende o penedo do Rial.

-Escoitaches o do cura de Madrid?

Foi o luns na tendabar, falaron que o tal caera do seu cabalo e que as mulleres de Celanova lle andaban a levar carqueixa. O mosteiro encheuse con tantas flores que se facían bromas: -Nunca estiveron os monxes tan limpos.

-Onde vai o zapato? -suspirou a Sabela- Quedou atrás

Aos poucos foron chegando. Ela a pe, el, amodiño.

-Xa estamos

As pernas do Antonio volvéranse paus. A muller empurrou ao animal a carón da escaleira e o home deixouse caer sobre as súas costas.

-Sabela -suspirou

A cegas -polas bágoas e a suor-, foi cargando co seu marido ata o cuarto. Alí deixouno caer. Afogada e vermella polo peso do corpo medio morto do seu marido, sentouse nos pes da cama.

-Meu corazón -suspirou

Colleu o pixama, foino espindo, pouquiño a pouquiño como para non facer dano -no corazón-. Abriu as sabas e meteuno dentro. Sentouse outro anaquiño, deulle un bico e baixou.

-Merda! -baixiño- Meu señor!

Prendeu lume na cociña, puxo auga a quentar e saíu na busca da Lola.

-Poderías dicirlle ao Manolo que vaia polo médico
-E logo?
-O Antonio que se puxo maliño

Receitou inxeccións e refresco de laranxa.

-Vou morrer
-Antonio -suspirou

As nenas e o neno espiábano dende a porta. Durante nove días e oito noites, na cabeceira da cama, o rosario; na mesiña, o zume; e debaixo, a carqueixa.

-Sabeliña, como está o teu pai?
-Vai volver marchar a América -chea de razón-, por iso precisa das vitaminas

O Secundino pensou: -Pois dille a túa nai que me pague o refresco antes de que el marche




*Padre Sarmiento