Orballeira


-Muñequita linda! -sopra a avoa ao verme chegar

Muñequita linda, repite mentres lle dou unha aperta e, escondo as bágoas na súa caluga, preto da orella esquerda.

Nesta tarde de verán o camiño síntese coma unha sesión de fisioterapia: -Doe, pero fai ben.

Abriuse unha nova estrada por riba da outra e onde non, enrugouse. Os fieitos colonizan o chan, o aire. O Xurés extendeuse a toda a provincia!

Nin carros, nin tractores. Ninguén. Os tacóns mancan... Os mosquitos do río envólvenme. Van tras de min. A carón do asfalto sinais de perigoporanimaissoltos: -Faltaría debuxar o xabarín...

-Ola, mira quen ven!
-Ola
-E a túa nai?
-En Ourense
-Facía tempo que non te viamos

Moito. Na cea a avoa rilla no touciño. O xamón mercóuselle ao Paco que ven todos os luns as once, dende Celanova. Rematáronse as matanzas. Curioso: -Rematar a matanza...

-Cando queiras
-Abuela, ti estás cansa, imos xa
-Se queres quedar (vendo a tele)
-Imos

Na mañá, orballeira. A través do vidro do baño, por riba do lavabo, o monte ule a mollado: -Dábanlle subvención por explotación en alta montaña. Perda de cartos, menos mal!

-Por que non te deixaches estar? Café?
-Si
-As dez chega o panadeiro, o que trae os bolos
-Si
-Hai que atender, escoitar cando pite

A carne fritida na cociña de butano, as patacas cocidas:-Sabe distinto

-Despois imos durmir un pouco
-Vale

Vou sair a chamar.

-Na casa de baixo, hai cobertura. No balcón, na esquina

Está cheo de béveras: -Pena, non fosen figos! A cobertura aparece e desaparece. Teño gañas de pasear. Dar a volta.

-Abuela, adiviña o que vin...

Vin a raposa! En dous brincos atravesou a estrada: -Aquí, a cen metros das casas; agora, as cinco da tarde!

-Ten fame

Tanta como para achegarse aos humanos, non a suficiente como para deixarse aloumiñar.




-Miña nena, son tempos de orballeiras secas
-E de almas salvaxes